Thursday 11 de September de 2025

Gonzalo Castro recibe a histórica banda Capercaillie, que celebra hoxe no Teatro Colón máis de catro décadas sobre os escenarios


A formación escocesa participa na segunda edición do ciclo Folk no Colón, que organiza o Concello con referentes de música tradicional

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recibiu este mércores no Palacio Municipal de María Pita os integrantes da histórica banda escocesa Capercaillie, que actuará esta mesma noite ás 20.30 horas no Teatro Colón, dentro da segunda edición do ciclo Folk no Colón, que organiza o Concello. Donald Shaw, fundador da banda, liderou a representación de Capercaillie esta mañá.
“É unha honra que A Coruña acolla a primeira actuación en Galicia dunha das grandes formacións da música folk a nivel global, froito do traballo constante que levamos a cabo desde o Goberno de Inés Rey para ter unha programación cultura e musical de máximo nivel”, indicou o concelleiro. Durante o encontro con Donald Shaw, o Concello da Coruña iniciou conversas co fundador de Capercaillie e director creativo do Celtic Connections, o festival de inverno de música folk máis importante de Europa, para explorar posibles vías de colaboración que lle permitan á musica tradicional galega e coruñesa ter presenza na próxima edición deste evento. O Celtic Connections celébrase en Glasgow (Escocia) en xaneiro e conta con máis de 120.000 persoas espectadoras anuais.

O ciclo Folk no Colón está organizado polo Concello da Coruña e ten como obxectivo levar ao teatro grandes formacións da música tradicional. Capercaillie é a primeira banda internacional que participa neste ciclo e as últimas entradas para a súa actuación desta noite estarán dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Colón. Tras as actuacións de Treixadura, Abraham Cupeiro e Capercaillie, aínda quedarán ata decembro outras cinco actuacións de gran relevancia:
● 11 de outubro | Milladoiro
● 9 de novembro | Tiruleque
● 21 de novembro | Felisa Segade
● 20 de decembro | Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
● 26 de decembro | Carlos Núñez

Deja un comentario