
A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe a licitación das obras para renovar a cuberta na escola infantil municipal Carricanta, por valor de 200.000 euros
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá dos novos avances que está a experimentar o Plan de Barrios 2025-27, que actualmente conta con máis de medio cento de actuacións en marcha, xa adxudicadas ou en fase de licitación.
Entre as que acaban de saír a concurso están as obras para mellorar as infraestruturas da rede de saneamento nos núcleos poboacionais de Castro de Elviña. O Concello investirá máis de 800.000 euros en diversas actuacións repartidas entre as rúas da Pena do Cuco, Canedo, O Picho e A Fraga. Nelas está previsto renovar a rede municipal de sumidoiros e, ademais, dotar a zona dunha nova rede separativa para recoller as augas pluviais.
Neste sentido, o Concello contará con fondos do Plan de obras e servizos (POS) da Deputación da Coruña para acometer os traballos.
O Concello solicitou cofinanciar as melloras previstas na avenida de Buenos Aires
Nas convocatorias do POS —ás que o Concello concorreu tamén para obter fondos que permitan acondicionar O Camiño do Cura (Os Rosales) e actuacións en Eirís de Abaixo—, tamén se solicitou o cofinanciamento dos traballos de construción da nova rede separativa de augas pluviais na avenida Buenos Aires, que contan cun orzamento de medio millón de euros.
A Xunta de Goberno Local deulle luz verde esta mañá á participación na segunda fase do POS, posibilitando así solicitar achegas por algo máis de 100.000 euros e, desta forma, contribuír ao financiamento das obras en Buenos Aires. O resto do investimento sería a cargo do Concello, con fondos propios.
Máis de dous millóns para melloras na Cidade Vella
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deulles luz verde aos proxectos financiados con fondos estatais para diversas actuacións de mellora que contribuirán á posta en valor da Cidade Vella en clave cultural, arquitectónica e arqueolóxica.
Son, a grandes trazos, a restauración da praza de Azcárraga, a posta en valor da Casa da Sinagoga, actuacións na praza de Santa Bárbara, a renovación da instalación eléctrica en Santo Antón, a restauración do mausoleo de Sir John Moore, a posta en valor do xacemento de San Francisco e a mellora da sinalización patrimonial dos elementos BIC e do rueiro da Cidade Vella.
O conxunto destas actuacións está valorado en 2,2 millóns e o Goberno de Inés Rey recibirá do Estado 2 millóns para acometer os investimentos citados. “O Concello obtivo no seu día a confirmación provisional da concesión destas axudas. Finalmente, por diversos cambios, A Coruña non figurou na lista definitiva, mais tiñamos o compromiso de que o financiamento o asumiría directamente o ministerio, e iso é o que finalmente aconteceu”, indicou Rey na rolda de prensa desta mañá.
O Concello renovará a cuberta da EIM Carricanta, no Castrillón
Ademais, este mércores tamén se aprobou a licitación das obras necesarias para renovar a cuberta da Escola Infantil Municipal Carricanta, no Castrillón.
“A conservación e o mantemento das instalacións municipais é fundamental e iso inclúe, por suposto, as garderías que se xestionan a través do Concello. Imos paso a paso tentando dar resposta ás necesidades específicas de cada unha”, explicou a alcaldesa. Un exemplo é a EIM dos Rosales, onde no primeiro semestre de ano se completaron os traballos para mellorar a accesibilidade á escola, creando tamén unha nova saída de evacuación na parte traseira do edificio.
“Agora, avanzamos para cumprir as necesidades da EIM Carricanta, investindo máis de 200.000 euros na renovación da súa cuberta. Isto tamén nos permite avanzar coa nosa folla de ruta no Castrillón, onde a poucos metros da gardería tamén imos reurbanizar a praza José María Hernansáez, unha das grandes demandas do barrio desde hai anos”, precisou Rey. A actuación na praza, na que o Concello investirá un millón de euros, está actualmente en fase de licitación.
Máis de 700.000 euros para a conservación das pasarelas peonís
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á saída a concurso do contrato para conservar e manter as pasarelas e pontes con acceso peonil da cidade. Inés Rey lembrou que, nos últimos anos, o Concello actuou en infraestruturas como as pasarelas que sobrevoan a avenida da Pasaxe, a da avenida de Arteixo co parque de Santa Margarida e tamén a que pasa por riba da rolda de Nelle á altura do barrio da Falperra: “Falamos de intervencións necesarias porque, como é habitual nestes casos, infraestruturas deste tipo, polos seus materiais, o uso constante e pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, sofren un desgaste lóxico, mais fronte ao hai que actuar”.
Por iso, licítase este contrato de mantemento ao que se destinarán 700.000 euros ata o ano 2027. A isto sumaranse investimentos específicos como o que se fará na pasarela peonil entre estacións, de Alfonso Molina, que se renovará proximamente atendendo ás necesidades existentes. Días atrás adxudicáronselle os traballos á empresa Seranco.
O Concello solicítalle fondos á Xunta para programas de benestar social
Ademais, a Xunta de Goberno Local acordou solicitarlle á Xunta de Galicia axudas por valor de 800.000 euros para contribuír ao cofinanciamento dos programas municipais de inclusión que van dirixidos a persoas e colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social.
“Falamos de iniciativas fundamentais en materia de benestar social, mais non só en termos de inserción sociolaboral ou reforzo educativo, senón tamén no eido da vivenda, unha cuestión na que estamos a traballar arreo e con medidas xa en marcha. Programas coma estes son os que contribúen a reducir fendas sociais e a dar resposta a necesidades básicas das persoas e colectivos cos que traballamos día a día para facilitar a súa integración”, explicou a alcaldesa.
En total, explicou a alcaldesa, na Xunta de Goberno aprobáronse investimentos por máis de 3 millóns de euros, que se suman aos máis de 5,2 millóns de euros aprobados tamén na última Xunta de Goberno, realizada en agosto na que se impulsou o Plan de Barrios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.