Thursday 11 de September de 2025

As Bibliotecas Municipais da Coruña abren o prazo de inscrición para os clubs de lectura do curso 2025-2026


A nova tempada contará con 36 clubs repartidos por toda a rede municipal e un total de 556 prazas gratuítas dispoñibles

A Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña inicia unha nova edición dos seus clubs de lectura, un dos programas máis consolidados e participativos da súa oferta cultural. O prazo de inscrición abrirase o 15 de setembro, e activarase progresivamente segundo o día da semana no que se desenvolva cada club. As prazas asignaranse por orde de inscrición e os grupos comezarán as súas reunións ao longo do mes de outubro.

En total, a programación abrangue 36 clubs de lectura repartidos por todas as bibliotecas municipais, cun total de 556 prazas gratuítas dispoñibles. A oferta inclúe clubs xeralistas, clubs temáticos arredor dun xénero, lingua ou temática común, clubs dirixidos a colectivos específicos e tamén propostas infantís e xuvenís. Ademais, como novidade, mantense un ciberclub virtual, pensado para quen prefira participar ao seu ritmo e sen horarios fixos.

Cada grupo terá un máximo de 10 a 20 participantes, segundo a capacidade do espazo.
As sesións, que se realizarán ao longo de todo o curso 2025-2026 con periodicidade semanal, quincenal ou mensual, constitúen un espazo de encontro no que as persoas participantes comparten impresións arredor dunha selección de títulos proposta polo persoal bibliotecario. Os clubs favorecen a reflexión colectiva, o diálogo e a creación de comunidades arredor da lectura.

A inscrición é libre e gratuíta, ata cubrírense as prazas, e pode formalizarse a través da páxina web das bibliotecas municipais (www.coruna.gal/bibliotecas), por teléfono ou de maneira presencial en cada centro.

Máis información dispoñible en: Nova tempada | Clubs de lectura

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que “os clubs de lectura son unha ferramenta esencial para fomentar o hábito lector e, ao mesmo tempo, un espazo de diálogo e convivencia arredor dos libros. Esta programación evidencia a vontade de facer das bibliotecas municipais un recurso vivo e próximo á cidadanía”.

Este programa enmárcase na estratexia cultural do Goberno de Inés Rey, que aposta por fortalecer a Rede Municipal de Bibliotecas como espazos de encontro cidadán e por promover iniciativas que favorezan o acceso universal á cultura, a participación activa da veciñanza e a consolidación de comunidades lectoras na cidade.

Deja un comentario