
O auditorio municipal de Ribeira acollerá neste trimestre tres actuacións promovidas pola Deputación da Coruña no marco do programa “Outono das Artes”, un programa que xurde como apoio á divulgación e promoción das diferentes formas de expresión artística presentes en Galicia.
Hoxe presentáronse as tres actuacións programadas para Ribeira á que asistiron a concelleira de Cultura, Antía Alberte, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e o Dinamizador Cultural do concello, Unai González.
A concelleira informou que dende a área de Cultura de Ribeira colaboramos con este programa provincial “para achegar algunhas das mellores propostas musicais do momento á nosa veciñanza e con entrada de balde”.
Alberte anunciou que a primeira das actuacións será o vindeiro sábado 20 de setembro, ás oito da tarde, con Uxía como protagonista. A artista galega achegaramos o seu espectáculo “Será por flores” co que conmemora os seus 40 anos na música. É un espectáculo único e intimista, onde revisará os piares do seu percorrido musical e as súas raíces galegas, no que conxugará os temas máis emblemáticos do seu repertorio con outras creacións máis novas. A entrada será gratuíta ata encher a capacidade da sala e con apertura de portas para acceso do público dende media hora antes.
Xa no mes de novembro, aproveitando que é o mes no que se conmemora Santa Icía a patroa da música, teremos as outras dúas actuacións.
Por unha banda, o sábado 15 de novembro, tamén ás oito, conmemoraremos o 25 aniversario dunha das mellores agrupacións de jazz de Galicia Sumrrá. O trío ofrecerá un concerto especial por este aniversario e fará parada no auditorio municipal de Ribeira.
Na seguinte fin de semana, o sábado 22, será a quenda da Asociación Cultural Donaire, que tamén estará na nosa cidade para celebrar o seu 25 aniversario, un fito importante co que conmemoran tantos anos de traballo incansable na defensa e divulgación da cultura tradicional galega.
Para rematar a concelleira salientou: “temos un outono cargado de opcións culturais no noso auditorio municipal, xa que ás funcións da Mostra de Teatro, se suman outras accións como a estrea teatral do 19 de setembro que presentamos onte e agora tamén estas tres actuacións musicais, polo que haberá propostas para todos os públicos e para todos os gustos ao longo destes meses”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.