
Coa xuntanza de cineastas de hoxe, que foron vindo aos poucos desde media mañá até primeira hora da tarde, xa está en marcha a décima edición do Chanfaina lab; aínda que se falamos con propiedade, o encontro audiovisual xa botou a andar hai uns días cos dous cursos impartidos por Iago Lourido e Kevin Lorenzo. Os venres da fin de semana chanfaineira son de presentacións, de dar indicacións e de empezar a crear comunidade, xa que o Chanfaina tamén se trata diso, de que xente de dentro e de fóra de San Sadurniño se coñeza e colabore durante o resto da fin de semana para sacar adiante cadaquén a súa curtametraxe. Cousa doada -ou difícil, segundo se mire- habida conta de canto ofrece o territorio entre paisaxe, historia e ducias de historias de onte e de hoxe para seren narradas en non máis de cinco minutos e sen saír das fronteiras municipais. Por iso os venres tamén son para facerse unha idea do territorio, algo que todas e todos os participantes puideron descubrir visitando o pazo municipal, os xardíns, a zona da Cortiña e tamén o Pico de Ferreira, protagonista desta edición canda Bernardino de Lamas, alcume do xornalista Alfonso Piñón Teixido que tanto louvou -e mesmo filmou- o noso territorio aló polo primeiro terzo do século XX.
A crónica deste primeiro día chanfaineiro comeza a iso das 11:30h, momento no que empezaron a chegar á Casa da Cultura as e os participantes deste ano para recolleren a gorra conmemorativa, a camiseta, a bolsa co cartel deseñado por Leandro Lamas e o folleto co programa e teléfonos imprescindibles.
De alí a maioría marcharon directamente para o Concello, segunda parada do día, para a recepción oficial ofrecida por Secundino García Casal, a titular de Cultura, Ara Bellas, e o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela. Tras facer unha pequena introdución sobre o pazo da Marquesa, o alcalde agradeceu a presenza das creadoras e creadores neste décimo Chanfaina e dirixiuse especialmente ás provenientes de fóra de San Sadurniño “gústanos que veñades e que pasedes unha fin de semana coñecendo o concello para mostrarnos como o vedes vós. Seguro que saen grandes obras audiovisuais, como pasou nas nove edicións anteriores”.
Manolo González, promotor do Chanfaina lab e do proxecto Fálame de San Sadurniño, tamén repasou a relevancia histórica do conxunto do pazo e dos xardíns, relatando curiosidades como que Alfonso XIII se enteirase estando en San Sadurniño do inicio da folga que desencadearía os sucesos da Semana Tráxica de Barcelona, que a pista multixogos foi en orixe unha pista de tenis na que “o rei xogou un partido de dobres e posiblemente a pista de tenis máis antiga de Galicia, penso eu” ou que na zona da Bidueda e da Penamoura houbo noutro tempo “58.000 castiñeiros e carballos e arredor de 20.000 piñeiros, a Fraga da Marquesa, que debía ser ben fermosa”.
Datos todos eles dos que, de seguro, moitas e moitos dos chegados de fóra foron tomando nota para facer unha composición mental do lugar que deberán filmar durante os dous próximos días.
Desde o pazo, a comitiva chanfaineira baixou polos xardíns até o paseo fluvial e desde alí continuou até preto do Pozo dos Donceis, xa no arboreto de especies autóctonas -sobre o que Manolo Varela fixo tamén unha introdución-, para plantar a árbore conmemorativa deste ano: unha maceira brava que todas e todos axudaron a poñer na terra.
A seguinte parada antes do xantar foi a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos para coñecer o proxecto e degustar froita recén collida e zumes elaborados na Fusquenlla, aínda que previamente houbo un pequeno encontro coa Deusa Navia -avegosa dos partos, do tránsito ao Alén e, disque, tamén do bo tempo- para “pregarlle” que esta fin de semana fose tamén proveitosa en canto a creatividade audiovisual.
“Fun á feira de San Sadurniño”, da Charanga do Cuco de Velle, versión Chanfaina lab
Tralo xantar o programa deste venres recollía unha visita guiada por Fran Canosa -xeólogo do Xeoparque do Cabo Ortegal- ao Pico de Ferreira. Un enclave interesante pola súa forma de inselberg ou monte-illa que foi hai millóns de anos parte da cordilleira Varisca, unha cadea montañosa máis alta incluso que o Himalaia da que hoxe quedan restos, precisamente, como o Pico. Un lugar no que existe un sartego cavado na rocha, coñecido como a “Cama de San Vicente” que, segundo a tradición, era lugar onde sanar múltiples dores e enfermidades.
Sobre o lugar escribiu hai un século Alfonso Piñón Teixido, xornalista e galeguista que escribía crónicas e columnas baixo o pseudónimo de Luís de Narahío ou Bernardino de Lamas. Manolo González leu en voz alta unha daquelas semblanzas paisaxísticas de Piñón Teixido, que finalizou con música ao vivo de Roberto Grandal -acordeonista, entre outros, de Xabier Díaz e participante neste Chanfaina lab facendo tándem con Leandro Lamas- tocando unha versión actualizada e con letra adaptada ao encontro audiovisual do “Eu fun á feira de San Sadurniño” que fixera tan famoso a Charanga de Cuco de Velle.
Xa de volta en San Sadurniño, as persoas participantes no Chanfaina lab reuníronse na Eira de Cineastas que tivo lugar na Casa da Cultura para presentarlle ao público unha pequena mostra do traballo e do estilo creativo de cadaquén. Tralas presentacións déuselle paso a unha proxección de case dúas horas con curtas ou fragmentos de curtas, empezando por unha sorte de “aurresku” musical que este ano lle correspondeu ao grupo folc Encrucillada. En vez de actuaren ao vivo, a formación local aproveitou o Chanfaina lab para estrear o seu primeiro video-clip, realizado por Gabriel Cronauer sobre o tema orixinal “Feitizo”.
No momento de publicar esta nota, as 23:00h, aínda quedaba no programa unha cita: o concerto da Banda Nebra na Sala DZINE, previsto para as 23:45h. Un concerto patrocinado pola rede DinamizARTJ dos convenios da Transición Xusta no que Nebra presentará “Sereas”, o seu primeiro traballo discográfico.
Sábado dedicado ao “cineísta andarengo” e a Castelao
Mañá promete ser un día intenso para as realizadoras e realizadores, que se botarán polos camiños xa a primeira hora da mañá para preparar e gravar as súas historias, emulando en certa maneira a Alfonso Piñón Teixido. O intelectual nado en 1887 -como dixemos, xornalista que asinaba os seus artigos como Bernardino de Lamas- foi un precursor do sendeirismo e tamén do cine. Xa daquela, no primeiro terzo do século XX, Piñón Teixido tiña unha pequena cámara de cine Pathe Baby coa que gravaba os lugares das súas andainas. Disque entre 1924 e 1934 filmou unhas 300 bobinas mudas. Algunhas delas chegaron aos nosos días e están conservadas na Filmoteca de Galicia.
O profesor Manolo González acaba de publicar a biografía de Piñón Teixido, baixo o título “O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas”. O libro presentarase este sábado ás 17:00h no local social de Lamas -terra que Piñón adoraba- en colaboración coa Libraría Brétema. No decurso do evento poderán verse algunhas das cintas filmadas por Bernardino de Lamas no noso concello.
Ao remate deste evento, a actividade trasladarase á Casa da Cultura, onde ás 19:30h se proxectará con entrada libre o filme “Antes de Nós”.A película, dirixida por Ángeles Huerta, é unha mirada ao Castelao máis humano e á relación que mantiña coa súa dona, Virxinia Pereira, en dous momentos clave das súas vidas. O pase encádrase nos actos do Ano Castelao e irá seguido dun coloquio co guionista do filme, Pepe Coira, e co profesor e investigador Manolo Rei, autor do libro “Castelao, desta terra e deste tempo”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.