Thursday 11 de September de 2025

A Fundación Naturgy ofrece cursos de formación en eólica e produción eléctrica no marco da repotenciación do Parque Eólico Novo


A Fundación Naturgy vai poñer en marcha un plan de capacitación destinado principalmente á veciñanza daquelas zonas onde ten parques eólicos que se van repotenciar, como é o caso do parque eólico Novo instalado en Valdoviño, Narón e San Sadurniño. Trátase de accións formativas orientadas a mellorar a empregabilidade en ámbitos estratéxicos como a dixitalización de redes eléctricas e o mantemento de instalacións eólicas. O obxectivo é ofrecer novas oportunidades laborais nun sector en constante evolución e con alta demanda de profesionais. Nos traballos de repotenciación do parque eólico Novo , autorizados pola Xunta desde o ano pasado, desmantelaranse as 25 máquinas actuais e ergueranse cinco novos muíños de ata 200 metros -todos concentradas en Valdoviño- que sumarán a mesma potencia instalada. As afeccións sobre San Sadurniño refírense ás liñas soterradas e á subestación do Camiño Arriba.

A iniciativa de ofrecer formación nas zonas afectadas por repotenciacións eólicas conta con financiamento do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) e inclúe tres cursos cunha formación especializada que pode abrir portas no mercado laboral ligado á transición enerxética.

O primeiro curso céntrase na Dixitalización de redes eléctricas, cun total de 80 horas de duración en modalidade híbrida, que combina contidos en liña e unha aula virtual. As sesións tratarán cuestións como a implantación de sistemas intelixentes de xestión da rede, o uso de plataformas dixitais para mellorar a eficiencia enerxética, a análise de datos en tempo real ou a integración de novas tecnoloxías no mantemento de infraestruturas.

Ademais, ofreceranse módulos de competencias transversais en alfabetización dixital, manexo de ferramentas colaborativas e ciberseguridade básica. Desenvolverase entre o 6 de outubro e o 14 de novembro, con sesións teóricas e titorías en liña. Está limitado a 15 prazas e o prazo de inscrición xa está aberto a través da web da Fundación Naturgy. Recoméndase tramitar a solicitude antes do 22 de setembro para asegurar praza.

Este curso está pensado para persoas mozas que busquen emprego, docentes e alumnado de FP que queira reforzar coñecementos, profesionais do sector que percisen actualizar coñecementos ou reciclarse e, en xeral, calquera persoa deste ámbito que queira mellorar a súa empregabilidade.

O segundo bloque formativo será un curso de Mantemento de parques eólicos para a empregabilidade, cunha duración de 30 horas e modalidade en liña síncrona (interacción co profesorado en horas e días concretas) durante o mes de novembro. Nel abordarase a estrutura básica dos aeroxeradores, as tarefas de mantemento preventivo e correctivo, a identificación de avarías frecuentes, a seguridade no traballo en altura e o uso de equipos de protección individual.

O curso está pensado para introducir ás persoas participantes facilitando coñecementos prácticos aplicables en procesos de selección. Segundo a ficha facilitada pola Fundación Naturgy, esta acción vai orientada preferentemente profesorado e alumnado de FP e profesionais do sector da enerxía que desexen ampliar coñecementos na eólica. Ofértanse 23 prazas e a inscrición abrirase nos próximos días na web da Fundación Naturgy.

O terceiro curso terá un carácter máis avanzado: Formación profesionalizadora en mantemento de parques eólicos, con 200 horas de duración e modalidade tamén híbrida. Este itinerario incluirá formación teórica e práctica en profundidade: instalación, montaxe e posta en servizo de aeroxeradores; técnicas de mantemento eléctrico e mecánico; sistemas de control e automatización; normativa de seguridade industrial; e prácticas presenciais en contornas reais. Ao estar dirixido a perfís que buscan especializarse plenamente neste sector, só se ofertan 10 prazas. As datas concretas e a inscrición daranse a coñecer en breve, polo que cómpre prestarlle atención á web da Fundación Naturgy.

Todas estas propostas están pensadas para persoas que queiran mellorar o seu perfil profesional, tanto aquelas que buscan unha primeira experiencia no sector enerxético como quen desexe consolidar unha traxectoria no mantemento de instalacións eólicas. Desde o Concello animamos á veciñanza a aproveitar esta oportunidade formativa, especialmente a quen estea en situación de desemprego ou con interese en actualizar os seus coñecementos nun sector con grandes posibilidades de futuro.

En que consistirá a repotenciación do Parque eólico Novo
Estes cursos dánlle preferencia a persoas de zonas que se verán afectadas por procesos de repotenciación de parques eólicos, como é o caso do P.E. Novo, onde Naturgy desmantelará os 25 aeorxeradores actuais e substituiraos por 5 de maior potencia -catro veces máis que os actuais- e altura -ata 200 metros- que tamén cambiarán de ubicación, concentrándose todos en territorio de Valdoviño.

O parque reducirá a superficie da súa poligonal e manterase nos 18,75 MW de potencia instalada, coa diferenza de que os novos muíños, que teñen maior superficie de pá, serán capaces de aproveitar mellor o vento e durante máis horas, chegando segundo as estimacións a unha produción neta superior aos 50,5GWh/ano. O proxecto de repotenciación recolle, ademais, a restauración dos emprazamentos dos muíños que se desmantelen e das pistas que queden inutilizadas trala reconfiguración do parque.

San Sadurniño verase afectado en canto a obras polo cambio das liñas soterradas que enlazan o parque coa subestación do Camiño Arriba.

Deja un comentario