
O Goberno municipal levará a pleno a modificación da ordenanza que regula as tarifas, que permitirán o emprego de locais con todos os servizos por un prezo situado entre os 80 e os 170 euros mensuais unha vez transcorridos os primeiros seis meses
A vindeira semana, o Goberno municipal levará a pleno a modificación da ordenanza que regula os prezos dos centros municipais de empresas, co obxectivo de fixar as tarifas tralos cambios introducidos nas normas dos centros de Agrela e o Papagaio nos últimos meses. Ditos cambios permitiron a creación de novas modalidades de estadía, como preincubación e consolidación, flexibilizando deste xeito o acceso de emprendedores aos espazos municipais. Máis de media ducia de proxectos sumáronse desde entón aos centros municipais.
A modalidade de preincubación supón, en termos prácticos, que as e os emprendedores en fase de preincubación nos centros municipais de Agrela e o Papagaio terán unha estadía sen custo nos seus primeiros. É dicir, totalmente gratuíta. Xa o resto do ano, en función do local, as tarifas oscilan entre os 81 e os 169 euros.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, detallou máis polo miúdo a proposta que se levará a votación, que busca abrir camiño ás emprendedoras e emprendedores nos primeiros pasos para o desenvolvemento das súas empresas. “O que buscamos é diferenciar as modalidades nestas primeiras fases de constitución, distinguindo entre preincubación, incubación e consolidación. Isto axuda a acoutar máis e mellor en que punto se atopa cada proxecto e tamén dá un termómetro real de cales poden precisar asesoramento específico en función da súa fase”, explicou Cabanas.
Tras a aprobación inicial da modificación da ordenanza, abrirase un prazo de trinta días hábiles para consultar o texto. Como xa é habitual nestes casos, anunciaríase no Boletín Oficial da Provincia (BOP), posibilitando entón a realización de achegas ao respecto.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.