
• Propón un reforzo das negociacións con novas aeroliñas e impulsar campañas de promoción do Rosalía de Castro nos destinos emisores que perden conexións
• Insta a Concello, Xunta e Estado a buscar alternativas e lembra que, en xuño, os non adscritos xa reclamaran a posta en marcha dun plan de reactivación do aeroporto
O peche da base de Ryanair en Santiago segue no foco do debate político, tamén en Raxoi. Este venres o concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, reclamaba ao goberno local unha maior implicación na procura de alternativas ante unha perda de influencia do Rosalía de Castro que, lembra, xa se viña alertando desde hai meses. Precisamente Muíños retoma a proposta que a súa compañeira non adscrita, Mercedes Rosón, facía en xuño -antes de se coñecer a decisión da compañía irlandesa: impulsar, a través do Comité de Coordinación Aeroportuaria, a creación dun “gran hub galego para frear o transvase de pasaxeiros cara ao aeroporto Sá Carneiro de O Porto”.
Xa antes do verán, incide Muíños, existían novas que alertaban da perda de competitividade de Lavacolla, con recortes na plantilla de Ryanair e nas conexións ofertadas por outras aeroliñas, como Iberia. Neste sentido, lamenta Muíños que as propostas que os non adscritos levaron ao pleno de xuño caeran “en saco roto”, e piden agora unha maior implicación do goberno local á hora de “liderar unha solución a un problema que afecta a moitos sectores do noso concello, nomeadamente ao empresarial e turístico”.
A proposta dos non adscritos pasa por reforzar as negociacións con outras aeroliñas para que se asenten no Rosalía de Castro, e nisto “debe ter un papel protagonista” a concellería de Turismo e Incolsa -a empresa municipal de turismo-. Ademais, Muíños insiste na necesidade de impulsar “unha campaña ambiciosa e permanente no tempo de promoción do Rosalía de Castro nos destinos emisores”. O obxectivo, engade, “é impulsar accións que fagan do noso, un aeroporto máis atractivo e competitivo, para captar novas conexións e garantir a continuidade das existentes”.
O concelleiro non adscrito destaca que o máis preocupante destes recortes -os actuais e os producidos xa antes do verán- é que alteran conexións nacionais “estratéxicas desde o punto de vista empresarial e dos servizos”: “conexións como a de Madrid ou Barcelona son fundamentais neste sentido e, polo tanto, non nos podemos permitir seguir perdendo influencia”.
Así as cousas, reclaman os concelleiros non adscritos un plan de acción partillado entre Concello, Xunta e o goberno do Estado, pilotado desde o Comité de Coordinación Aeroportuaria, para procurar alternativas que “necesariamente” apunta, pasan por buscar novas aeroliñas ou mellorar as condicións para que regresen as que operaban ata agora. Outra cousa, concluía este venres Muíños, “levaranos a que Lavacolla se converta nun aeroporto de avionetas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.