
O curso volve con novidades en Compostela: a SELIC celebrarase en outubro, en concreto do 3 ao 12. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa da nova data e da imaxe, obra de Iria Ribadomar, acompañada pola deseñadora e pola directora artística da SELIC, Lorena Conde. O emprazamento volverá ser a Praza da Quintana.
“Este cambio de data busca crear sinerxías cos ritmos do curso escolar entendido nun sentido amplo, non só que relativo a centros escolares, senón tamén a ese punto de arranque que o outono supón en relación a novidades editoriais ou á reactivación das sesións dos clubs de lectura despois do verán, por exemplo”, subliñou a concelleira.
Míriam Louzao fixo fincapé precisamente nos “clubs de lectura porque o gran reto que asumimos nesta nova etapa céntrase na conexión da SELIC coa actividade que ten lugar en Compostela ao redor da lectura e, máis concretamente, na conexión coa comunidade lectora”. De feito, destacou, “traballamos co lema ‘Compostela lectora, Compostela de libro’ en referencia a eses lazos que queremos fortalecer entre literatura, comunidade e espazo urbano”.
“A SELIC xa é un evento cunha transcendencia relevante no calendario de citas culturais do país e o que queremos é incidir na súa condición de evento que sitúa Compostela como unha cidade literaria centrada en tres piares: a singularidade de Compostela como sede dun número importante de editoras; a actividade imprescindible das librarías de barrio e de proximidade que teñen un papel vital no dinamismo social e cultural da cidade; e a comunidade lectora, que sendo unha comunidade diversa e difícil de visibilizar no seu conxunto -ler é un acto individual- é a principal destinataria e a razón de ser da SELIC”, apuntou a edila.
Destes tres piares sinalados pola concelleira naceu o lema desta ano, ‘Compostela lectora, Compostela de libro’, en relación a ese reto de “facer comunidade” en relación ao libro e involucrar a todos os sectores do ámbito, como indicou a directora artística da SELIC, Lorena Conde. Conde agradeceu a implicación de librarías e editoras nesta nova etapa, na que están participando de xeito activo e propositivo.
Imaxe
Esa idea de comunidade tamén está presente na imaxe, como indicou a súa creadora, a ilustradora Iria Ribadomar, que manifestou a súa ledicia por volver ilustrar un evento da cidade. “Quixen transmitir esa idea de cercanía, de relación de cidade, de aglutinante para as persoas e de crear redes” baseándose no espírito das feiras tradicionais, reflexadas no deseño. Á imaxe deseñada por Iria Ribadomar sumarase o traballo do Laboratorio Numax para o deseño da liña gráfica de todos os materiais da SELIC.
O programa completo presentarase máis adiante, pero Lorena Conde quixo avanzar algunha novidade como que o acto de benvida contará coa presenza da poeta Antía Otero ou que haberá un posto para o libro antigo relacionado con Compostela.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.