
Coas novas medidas dá un paso máis no apoio ás familias coa creación dun plan de conciliación educativa
O Concello de Ribeira mantivo onte unha xuntanza coas ANPAS dos colexios públicos do municipio, na que tamén participaron o alcalde Luís Pérez, a concelleira de Educación Cruz Rivadulla, e a concelleira de Facenda Herminia Pouso. O encontro serviu para avanzar nas medidas en materia de conciliación da vida laboral e familiar neste curso que comeza.
No marco desta reunión, anunciouse que o Concello colaborará directamente coas ANPAS mediante a incorporación de persoal de tempo libre para destinalo á posta en marcha ou reforzo de servizos de madrugadores ou de comedor escolar, asumindo unha hora de monitor/a por centro.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou a importancia desta medida: “sabemos que a conciliación é unha das grandes preocupacións das familias, sobre todo cando falamos de horarios de entrada e saída dos centros escolares. Con esta colaboración queremos apoiar directamente ás ANPAS, que son quen mellor coñecen a realidade de cada colexio, e ao mesmo tempo aliviar a carga económica das familias. É unha medida que facilita que servizos esenciais como os madrugadores ou o comedor escolar poidan seguir prestándose con garantías, evitando que algunhas familias teñan que renunciar a eles polo seu custo.”
Esta iniciativa forma parte dun compromiso máis amplo do goberno local xa que se prevé licitar en breve o servizo de conciliación para garantir ter monitorado para as épocas non lectivas do curso escolar. “O noso obxectivo é construír unha Ribeira que se adapte ás necesidades reais da veciñanza. Por iso imos seguir traballando en medidas que permitan compatibilizar a vida laboral coa familiar e que dean tranquilidade ás nais e pais cando teñen que deixar os seus fillos e fillas no colexio. Hoxe damos un paso adiante, pero xa estamos a pensar en como mellorar e ampliar este apoio nos próximos anos.”
A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, incidiu no carácter progresivo desta iniciativa e argumentou que “este é un primeiro paso, pero a nosa intención é ir a máis en sucesivas anualidades se acadamos novos fondos, incrementando o apoio ás ANPAS e ás familias. Queremos consolidar un modelo que facilite a conciliación en Ribeira.”
Pola súa parte, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, puxo en valor o diálogo coa comunidade educativa informando que a medida xorde “froito das peticións practicamente unánimes cando se reuniu o Consello Escolar Municipal. Deste xeito, o goberno cumpre coa palabra dada e dá resposta a unha demanda moi sentida polas familias.”
O goberno local valora moi positivamente a boa disposición das ANPAS, que participaron activamente no encontro e trasladaron as necesidades e demandas das súas comunidades educativas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.