Thursday 11 de September de 2025

O Club Remo Puebla embárcase na organización do Campionato Galego Xunta de Galicia de Remo de Mar


· O certame disputarase o domingo, 14 de setembro, na praia dos Areos.

O Club Remo Puebla organiza, xunto á Federación Galega de Remo e en colaboración co Concello da Pobra, o Campionato Galego Xunta de Galicia de Remo de Mar. A proba, na que se darán cita clubs de toda a Comunidade, celebrarase o domingo, 14 de setembro, na praia dos Areos. O paseo acolleu, esta mañá, a presentación oficial da cita, na que interviñeron a concelleira, Patricia Lojo, e o presidente do Club Remo Puebla, Emilio Dieste.

Durante a súa intervención, a edil lembrou os últimos logros acadados polo Club Remo Puebla, aos que cualificou como un “exemplo de traballo, dedicación e esforzo”. Nos últimos meses, o equipo de veteranas do Club Remo Puebla gañou a Liga Galega de Veteranas, o equipo de cadetes masculino converteuse en campión de España no Campionato de España de Traiñeiriñas e, ademais, o Club conseguiu varios metais no Campionato de España de Bateis.

Formato do certame

Na competición haberá as seguintes categorías en función da idade dos participantes: absoluto (3.000 metros), xuvenil (3.000 metros), cadete (2.000 metros), veterán (2.000 metros), infantil (1.000 metros) e alevín (700 metros).

Cada categoría ofrecerá a posibilidade de elixir a modalidade de participación, que virá marcada polo tipo de embarcación. Así, no Campionato de Remo de Mar veranse naves individuais e para parellas.

En canto aos horarios, o Campionato desenvolverase en horario ininterrompido entre as 10.00 e as 16.35 horas, cando está prevista a saída das últimas embarcacións.

Deja un comentario