Thursday 11 de September de 2025

A XXXV Festa do Pan pon en valor este domingo a calidade e variedade do produto estrela da gastronomía de Neda


O certame desenvolverase no paseo marítimo, a partir das 10 horas

Fin de semana grande en Neda, coa celebración da tradicional Festa do Pan, declarada dende hai máis dunha década Festa de Interese Turístico de Galicia. A 35 edición do certame chega este domingo ao paseo marítimo do municipio coa finalidade de promocionar a variedade e calidade do pan e do resto das elaboracións que saen dos fornos locais. Será, como sempre, unha xornada de encontro, que aspira a reunir na macrocarpa habilitada a centos de persoas no xantar popular, e contará cunha oferta de lecer para todos os gustos.

A apertura ás 10 horas dos postos de venda das panaderías La Nueva, Panificadora Germán, Santa Rita, e Paca Castro marcará, xunto ao mercado de artesanía, o arranque desta cita de exaltación do produto estrela da nosa gastronomía, na que tamén colaboran La Gallega, Modesto Hermida e J. Castro Hermanos.

Calidade e variedade

Quen se achegue o domingo ao evento, cuxo pregón lerá ao redor das 13 horas a xornalista nedense Ada Romero, terá a oportunidade de mercar o pan máis saboroso, ademais das mellores empanadas e doces de Galicia. O paseo polos stands das panaderías, amenizado polos gaiteiros e cabezudos de Os Viqueiras, permitirá comprobar a calidade e variedade de produción que dá sona a Neda.
E mais sabores chegarán da man do Concurso de empanadas “En lembranza de Albarón”. Unha decena de afeccionados á cociña competirán por conseguir os vales de compra de 200, 150 e 100 euros nas panaderías participantes ou colaboradoras desta edición presentando as mellores elaboracións. Os gañadores/as coñeceranse ao rematar o pregón.

Xantar popular

Tras a sesión vermú de Los Zares, arrincará o xantar popular, baixo carpa. O menú incluirá pan e empanada de Neda, paella, churrascos, bebida, o imprescindible doce procedente dos fornos locais e café por 22 euros. Os tíckets para participar venderanse ao longo da mañá nunha caseta habilitada nesta contorna. Na sobremesa chegará a animación de A charanga da Carmiña.

Oferta complementaria

Durante a tarde collerá forza programación cultural e de lecer complementaria. Pensando nos máis pequenos ofertarase o xa tradicional obradoiro de elaboración de pan e, posteriormente, o espectáculo de mimo, malabares e humor do clown Arturo Cobas “Nono”. Por outra banda, a exhibición de Urban Galicia breaking, co local bboy Amor porá un punto de innovación e o concerto do grupo folk Lenda ártabra porá o broche de ouro á edición.

O Concello de Neda, organizador do evento, conta co apoio fundamental da Deputación da Coruña e coa colaboración da Xunta, a través de Turismo de Galicia e Abanca, no marco das axudas para municipios con festas de interese turístico. A programación especial previa dará comezo esta noite co festival Noite de bolos e continuará mañá coa visita interpretativa ao muíño do Carrizo.

Deja un comentario