
— Máis de 170 centros da rede pública autonómica, que suman arredor de 10.500 prazas, retoman esta mañá a actividade
— Un curso máis, as familias non pagan nada pola atención educativa dos seus fillos, con independencia de que asistan a unha escola da Xunta, dun concello, de iniciativa social ou privada
— O obxectivo é que Galicia continúe liderando a escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, que actualmente acada aproximadamente o 65%
A Xunta abriu hoxe o curso nas escolas infantís de da rede pública autonómica, formada por máis de 170 centros distribuídos por toda Galicia e que suman arredor de 10.500 prazas de 0 a 3 anos. Este é o cuarto ano consecutivo en que está en vigor o programa da gratuidade en todos os centros da comunidade, tanto nos que dependen da Administración autonómica, como dos concellos, nos de iniciativa social e nos privados.
Máis de 32.000 familias poden beneficiarse este ano da gratuidade, aforrando ata 3.000 euros por neno e curso ao non ter que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos. A Xunta destina a esta medida 65 millóns de euros de fondos propios, sen recibir achegas por parte do Goberno central. Este programa fai de Galicia un referente nesta etapa educativa, pois segue sendo a única comunidade autónoma que ofrece oito horas diarias de atención educativa de balde durante once meses ao ano.
A Xunta márcase como obxectivo no inicio deste novo curso que Galicia siga a liderar a escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, que na actualidade aproxímase ao 65%, o que supón 15 puntos máis que a media nacional e situarse a niveis de países europeos como Suecia e Dinamarca.
Visita á escola de Oza
Precisamente, coincidindo co regreso ás aulas, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a escola infantil de Santa María de Oza, na cidade da Coruña. Alí recordou que ademais da gratuidade, a Xunta, ten outras medidas de apoio ás familias e á conciliación. Entre estas destacan a creación de máis dun centenar de casas niño para as familias que viven no rural e nas que a atención tamén é gratuíta, as axudas á crianza dos fillos a través da Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia para que os pais poidan contratar un servizo de conciliación sempre que o necesiten. Este bono pode solicitarse a partir do vindeiro luns, 8 de setembro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.