Thursday 11 de September de 2025

Últimos pasos para o inicio das melloras no parque da rúa Puga e Parga, en Catro Camiños, onde o


Concello actuará na área infantil e os espazos verdes

Os traballos, que se adxudicaron recentemente á empresa Jardinería Arce, permitirán dar resposta a unha das principais demandas da veciñanza do barrio

O Concello está a ultimar os trámites necesarios para actuar no parque das rúas Puga e Parga e Alexandre Bóveda, unha intervención que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza de Catro Camiños, e que suporá un investimento de 130.000 euros.

Os traballos, que se adxudicaron recentemente á empresa Jardinería Arce, centraranse tanto na área de xogos infantís como na súa contorna, co obxectivo de renovar os equipamentos e, de paso, adaptar este espazo ao aire libre ás súas necesidades actuais, humanizando e naturalizando o parque.

Tal e como precisou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “a previsión do Concello é actuar tamén sobre as zonas de paso”. Retirarase a chapa que marca o peche perimetral do parque e, no seu lugar, instalarase un valado de madeira, con materiais resistentes ao deterioro e á exposición ás inclemencias meteorolóxicas.

Ademais, na área de xogos renovarase o firme de caucho. Tamén se actuará sobre o mobiliario urbano, reconfigurando a súa distribución e habilitando novos equipamentos de xogo como mesas de xadrez.

Melloras nos espazos verdes
Díaz lembrou que, ao abeiro da intervención entre Puga y Parga e Alexandre Bóveda, melloraranse os espazos verdes desta zona. Está previsto plantar un novo céspede sobre unha base de terra vexetal enriquecida, tamén máis arboredo.

A maiores, redimensionarase a rede de rego e adaptarase para que o sistema chegue á superficie total do parque.

A previsión é que os traballos, toda vez se poñan en marcha, duren catro meses.

Deja un comentario