
As árbores, que superan os cinco andares, xa causaron incidentes como a caída de pólas e a entrada nunha vivenda tras romper un ventanal
A actuación atende tamén á reclamacións das comunidades de propietarios e permitirá avanzar no proxecto do Parque Lineal con especies autóctonas
O Concello de Fene informou da inminente corta dunha serie de eucaliptos de gran porte situados en terreos particulares no entorno do Parque Lineal do Río Cádavo. Trátase dunha actuación necesaria para dar cumprimento á lexislación e responder ao perigo real que supoñen estes exemplares, en cumprimento tamén das advertencias trasladadas en varios informes policiais.
As árbores, plantadas na década de 1950, superan a altura de edificios de cinco andares e xa teñen causado diversos incidentes: desde caídas de pólas de grandes dimensións até a entrada dunha delas nunha vivenda tras romper un ventanal. Ademais, xeraron varias reclamacións por parte das comunidades de propietarios, que viñan alertando da inseguridade que supoñen para a veciñanza.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, subliñou que “o Concello actúa con responsabilidade e cumprindo a lexislación. Non podemos ignorar un risco evidente que xa provocou situacións perigosas. A prioridade é garantir a seguridade da poboación”.
Polo lembrou que o Código Civil establece limitacións para a presenza de árbores de gran porte preto das vivendas e engadiu que “o Concello valorou distintas alternativas, incluídas podas selectivas, pero non eran solucións viables para un problema que xa se prolongou demasiado no tempo”.
Con esta intervención, o Concello quere tamén avanzar no proxecto do Parque Lineal do Río Cádavo, que prevé a plantación de especies autóctonas como ameneiros ou bidueiros. “Non falamos só de eliminar un risco, senón de crear un espazo máis seguro, natural e adaptado ao noso entorno, en beneficio da calidade de vida da veciñanza de Fene”, concluíu o edil.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.