
O luns 15 de setembro comezará o prazo para facer o pago dos recibos correspondentes aos impostos sobre bens inmobles (IBI) e actividades económicas (IAE), así coma ás taxas de lixo comercial e venda ambulante. Como é habitual, nos vindeiros días chegarán aos fogares carballeses as cartas informativas enviadas pola Concellaría de Facenda. O período voluntario estará aberto ata o 20 de novembro.
Os padróns fiscais corresponden aos seguintes tributos:
• Imposto sobre bens inmobles de características especiais: 1 recibo por importe de 209.662,26 euros (correspondente á autoestrada AG-55).
• Imposto sobre bens inmobles urbanos: 32.252 recibos non exentos, por un importe de 6.394.550,81 euros.
• Imposto sobre bens inmobles rústicos: 2.918 recibos, por un importe de 348.587,89 euros.
• Imposto sobre actividades económicas: 481 recibos, por importe de 321.776,38 euros (257.420,48 corresponden á cota municipal e 64.355,90, ao recargo provincial).
• Taxa pola prestación de servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos sólidos na súa modalidade comercial: 1.572 recibos, por 312.980,66 euros.
• Taxa pola venda ambulante na feira da Milagrosa: 136 recibos, por 25.274,04 euros.
• Taxa pola venda ambulante nas feiras e mercados da Praza do Concello: 30 recibos, por 17.332,99 euros, correspondentes ao ano 2025, e 32 recibos, por 17.134,74 euros, correspondentes ao 2024.
Lugares e formas de pagamento
Este ano foron emitidos un total de 37.422 recibos, por importe de 7.647.299,77 euros. Nesta campaña xa son máis os recibos domiciliados, cun 54,43%, que os non domiciliados. As persoas que queiran facer o trámite da domiciliación teñen de prazo ata o 3 de outubro, para o cal deben presentar a orde correspondente na oficina de recadación municipal (planta soto do mercado municipal, con acceso directo desde a Praza do Concello, teléfono 881 985 430 e correo electrónico recadacion@carballo.gal).
O pago en efectivo non está permitido desde o ano 2023. Deste xeito, os/as contribuíntes que non teñan domiciliados os recibos recibirán a carta de pagamento na súa caixa de correo. Este documento é necesario para pagar no banco (Abanca, Caixabank, Santander ou BBVA) ou a través de medios electrónicos. Na páxina web do Concello de Carballo, carballo.gal, existe un botón de acceso directo á pasarela de pagos desde a portada. En total enviáronse 18.521 cartas. Se algunha persoa non a recibe, poderá solicitala nas oficinas da recadación municipal.
Tamén se remitiron 9.961 cartas postais a outros tantas persoas que teñen os seus recibos domiciliados. Neste caso son documentos informativos dos conceptos e dos importes que se pasarán ao cobro a partires do 6 de outubro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.