Wednesday 10 de September de 2025

O programa de exercicio físico para maiores de 65 anos arrincará o 1 de outubro en quince parroquias. O prazo de inscrición está aberto ata o día 19


O 1 de outubro arrinca unha nova edición do programa de exercicio físico para maiores de 65 anos, unha iniciativa conxunta das concellarías de Terceira Idade e Deportes que foi pioneira e que cada ano conta con maior participación.

A actividade, que forma parte da oferta do programa Remocea, desenvolverase desde o 1 de outubro ata o 30 de xuño en 16 edificios públicos distribuídos por todo o territorio municipal. Ao pavillón Vila de Noia, no que hai oito grupos, e aos centros sociais de Sofán (2 grupos), Verdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela-Rebordelos, Razo, Ramil de Rus, Outón de Rus, Oza, Artes, Sísamo, Ardaña e Lema súmase este ano o de Aldemunde. Cada grupo realiza dúas sesións semanais de 45 minutos de duración.

As persoas que participaron no programa o curso pasado, e que cumpriron os requisitos de asistencia mínima establecidos, renovan automaticamente a súa participación. Son un total de 622, distribuídas entre os 23 grupos existentes ata este ano. Coa incorporación de Aldemunde créase un grupo máis, e ábrese un prazo de inscrición tanto para esta parroquia coma para cubrir as prazas que poida haber dispoñibles nas outras. As persoas interesadas deben cubrir o formulario que pode descargarse máis abaixo e presentalo nas oficinas de Carballo Deporte (rúa Vila de Corcubión) ata o 19 de setembro.

O exercicio físico resulta imprescindible para manter a calidade de vida dos/as nosos/as maiores durante máis tempo. Pero ademais de contribuír á mellora da súa saúde, mediante unha actividade adaptada especificamente para este colectivo, o programa promovido polo Concello de Carballo tamén pretende dotar ás persoas maiores de 65 anos dunha maior autonomía e dun recurso contra o illamento social e a soidade.

Deja un comentario