
A proba do circuíto Coruña Corre celebrarase este domingo e percorrerá os barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís
O circuíto de carreiras populares Coruña Corre regresa este domingo 14 de setembro tras o parón de verán coa Volta a Oza. Esta segunda parte da tempada inclúe tres probas ata finais de ano.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, celebrou que máis de 1.200 persoas confirmasen a súa participación nesta proba. “Unha vez máis, os barrios son protagonistas da programación deportiva do Concello. Coruña Corre é un programa fundamental para o Goberno de Inés Rey, e non só por promover os hábitos de vida saudable a escala interxeracional, senón tamén porque lles dá moita vida aos distritos nos que se compite”, indicou Vázquez.
A Volta a Oza é unha das carreiras máis especiais do circuíto polo peculiar do seu percorrido.
Con saída desde o parque de San Diego, pasa polos Castros, o parque de Eirís e O Castrillón, e alterna treitos de asfalto e terra por rúas de fortes pendentes, como a avenida da Concordia e a rolda de Outeiro.
As persoas interesadas en participar na carreira poderanse inscribir na páxina web de Coruña Corre ata as 23.59 horas deste domingo 7 de setembro.
Daniel Bardanca e Noelia Souto lideran o circuíto, a falta de tres probas por disputar
A tempada Coruña Corre 2025 rematará o 23 de novembro. Ata entón, as persoas inscritas no conxunto do circuíto pelexarán polo triunfo final con só tres probas por disputar: a Volta a Oza (14 de setembro), a carreira popular do Ventorrillo (26 de outubro) e a carreira popular de Novo Mesoiro (23 de novembro).
Tras completarse a primeira metade do calendario, o circuíto está liderado actualmente por Daniel Bardanca, á fronte da categoría masculina absoluta e seguido de preto por Víctor Cortés e Diego Valcarce. Na categoría feminina absoluta, Noelia Souto segue posicionada como a primeira da clasificación, con Vanessa Hervada e Yuli Nestsiarovich como segunda e terceira na táboa, respectivamente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.