Tuesday 09 de September de 2025

O WOS Festival volve a Compostela cunha ampla programación ateigada de estreas e actividades paralelas


A oitava edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reactivará Santiago de Compostela cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea. Do 11 ao 14 de setembro, dez localizacións emblemáticas da cidade acollerán 29 actividades musicais, das cales 14 serán estreas a nivel estatal, e 11 actividades paralelas que, a través de obradoiros, paneis, proxeccións e instalacións pretenden achegar a música electrónica e avant-garde á cidadanía.

A Fundación Eugenio Granell, unha das sedes da edición, acolleu este martes unha rolda de prensa para a presentación do festival que contou coas intervencións da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas; do director da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do director do festival, Iván Arias e da coordinadora das actividades paralelas da edición e directora do proxecto Amplificando a memoria, Acacia Ojea.

Míriam Louzao destacou da edición “o amplo abano de propostas arredor do son que dan conta de diversidade de orixes e xéneros” e salientou as “numerosas iniciativas paralelas que afondan no noso patrimonio sonoro e na memoria da cidade”, así como a escolla das “ localizacións que espallan e descentralizan a programación co obxectivo de mellorar a experiencia e o goce do público”.

A programación do WOS Festival x SON Estrella Galicia estenderase, nesta oitava edición, por dez espazos emblemáticos de Santiago de Compostela. Ás xa coñecidas Sala Capitol e Fundación Laboral da Construción -que acollerán a programación musical nocturna do venres 12 e sábado 13, respectivamente-, e Teatro Principal -no que se celebrarán os concertos de apertura e clausura-, únense Auditorio Abanca, CGAC, Fundación Eugenio Granell, Igrexa da Universidade, NUMAX, Parque de Bonaval e Sede Afundación.

Estas sedes acollerán unha ampla programación musical da que participarán figuras internacionais de primeiro nivel, que presentarán os seus novos directos por primeira vez en terriorio estatal da man do WOS. É o caso do performer exipcio Abdullah Miniawy (Peacock Dreams), Carrier (Rhythm Immortal, con visuais de Riyo Nemeth), da inglesa aya (presenta hexed! con MFO) da escocesa KAVARI (premiere do novo EP que verá a luz este outono), da londinense Klein (con thirteen sense), dos indonesios KUNTARI (con LAHAR), do vibrafonista xaponés Masayoshi Fujita (Migratory), do angoleño Nazar (Demilitarize), dos norteamericanos Purelink (con Faith), da tríade Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori (coa súa performance audiovisual A Forbidden Distance) e Los Thutanaka, que actúan por primeira vez en Europa; ademais dos concertos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki (Sphaîra), do inglés Rainy Miller (Joseph, What Have You Done?) e do exipcio ZULI (Lambda).

No ámbito galego, as catalás Tarta Relena estrearán o seu último álbum, És Pregunta; ao igual que farán o dúo ucraíno Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko, presentando Гільдеґарда, e a norteamericana Niecy Blues con Exit Simulation. Nomes moi destacados a nivel internacional tamén visitarán Santiago de Compostela cos seus novos traballos (é o caso de Beatrice Dillon, Lord Spikheart ou Simo Cell); e tamén será a estrea en Galicia da proposta inmersiva In uno spazio immenso, o primeiro proxecto colaborativo entre Grand River & Abul Mogard e que conta co deseño de luces de MFO (Marcel Weber).

Finalmente, selectores como Batu, CCL, Djrum e Objekt completarán os proxectos internacionais do WOS Festival, unha ampla e diversa escolma -tanto de orixes coma de xéneros- referendada polas principais publicacións da escena, e na que tamén haberá unha representación de artistas do país. É o caso de Carme López (quen abrirá o concerto inaugural no Teatro Principal este xoves 11) e das tres propostas que o público poderá gozar no Parque de Bonaval o sábado 13: Bflecha b2b Mwëslee, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez e Malandrómeda & Caamaño.

Programación paralela de actividades

En paralelo a súa programación musical, WOS Festival x SON Estrella Galicia contará con obradoiros, paneis de discusión, instalacións, sesións de escoita e proxeccións de cinema; unha ambiciosa oferta de iniciativas que o festival lanza para achegar a música electrónica e de vangarda ao público.

A primeira das iniciativas terá lugar tanto o venres 12 coma o sábado 13 no CGAC. Trátase da proposta O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional, posta en marcha na anterior edición do WOS Festival e que pretende ofrecer unha ollada coral ao presente e pasado recente da electrónica galega. O panel reúne artistas, colectivos, selos e axentes clave coa intención de compartir perspectivas e abrir un espazo de diálogo que fortaleza a memoria e a proxección dunha escena diversa e viva: a galega.

A iniciativa desenvolverase a través de dúas mesas que terán como moderadores a dúas figuras imprescindibles no país: Cora Novoa e Víctor Flores. No primeiro dos paneis (venres 12, ás 16:00h) participarán Certain People, Rea di Mae (Vértebra Clube), VerusK, bb.wav, Pálida e Bflecha; mentres que no segundo (sábado 13, ás 16:00h) estarán Héctor e Nico Iglesias (Yugen Kala), M. Meri (Trix Club), Artur M Puga, Elektrógena e Beta. A entrada será libre ata completar capacidade.

En paralelo, a sala de cinema NUMAX acollerá unha serie de proxeccións nas que se explorará o papel do son e da música como eixe central da linguaxe cinematográfica. Os filmes Free Party: A Folk Story, 32 sounds; Diary of a Sky + Where Language fails us poderanse ver nas tardes dos días 12, 13 e 14 de setembro; e as entradas están á venda a través da web www.numax.org; aínda que todas as persoas que posúan os abonos Festival Pass e Weekend Pass (xa esgotados) tamén poderán acceder á sala (ata completar capacidade).

Na mañá so sábado 13, os produtores galegos Juait e crnds presentarán no auditorio da Sede Afundación a súa nova creación, Lidinsfarne Sample Pack, da man dun dos músicos implicados no proxecto: Xabier Díaz. Durante este obradoiro (de entrada libre ata completar capacidade), abordaranse algúns dos aspectos máis característicos e identitarios dos principais patróns rítmicos da música tradicional galega.

Da man de Xabier Díaz, o público asistente achegarase á singularidade das xotas e das muiñeiras, mentres que Juait e crnds demostrarán como os sistemas de gravación e procesamento de audio dixital poden analizar estes patróns. O taller pecharase cun exemplo práctico sobre o uso do sample pack e no que, a partir dunha muiñeira, producirán un track para o clubbing.

Amplificando a memoria

Tamén durante a celebración do WOS Festival x SON Estrella Galicia a Sede Afundación acollerá Amplificando a memoria, o proxecto de investigación e creación sonora que combina memoria tecnolóxica, creación artística e participación cidadá a partir da recuperación do altofalante Organsound, deseñado polos irmáns Portela Seijo no ano 1972.

A iniciativa, que propón dar voz, presenza e actualidade ao patrimonio sonoro galego desde unha perspectiva accesible, crítica e interxeracional, contará cunha instalación cuadrafónica de Xoán-Xil López que se poderá visitar todas as tardes, entre 16:00 e 20:00 horas; un panel de pensamento arredor do Organsound, no que participarán Yago Portela, Belén Bermejo e o propio Xoán-Xil, e que terá lugar na xornada inaugural (ás 18.00 horas); e tres sesións de escoita -unha cada día ás 13.00 horas, desde o venres 12 ata o domingo 14- da man de tres recoñecidos selectores: Philip Sherburne, Nono e Chago.

WOS Festival x SON Estrella Galicia

WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística en dez espazos emblemáticos da cidade.

O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards obtivo Mellor Promoción Turistica 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Goberno de España a través da INAEM e Acción Cultural Española (AC/E); ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.

Programación do WOS Festival x SON Estrella Galicia

Xoves 11

18:00h, Sede Afundación | Resonancias do pasado. O Organsound coma ponte acústica (panel de pensamento)

19:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (presentación da instalación)

20:00h, Teatro Principal | Carme López; Tarta Relena

Venres 12

13:00h, Sede Afundación | Chago (Sesión de escoita)

16:00 – 20:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (instalación sonora)

16:00h, CGAC | O son electrónico de Galicia. Unha conversa interxeracional (panel)

16:00h, NUMAX | Free Party. A Folk Story (cinema)

18:30h, Igrexa da Universidade | Abdullah Miniawy

20:15h, Teatro Principal | Sara Persico & Mila Oki present Sphaîra

22:00h, Sala Capitol |Purelink; Rainy Miller presents Joseph, What Have You Done?; Los Thuthanaka; Carrier presents Rhythm Immortal; Djrum

Sábado 13

12:00h, Sede Afundación | Lindisfarne Sample Pack. Juait, crnds & Xabier Díaz (obradoiro)

13:00h, Sede Afundación | Philip Sherburne (sesión de escoita)

13:00h, Parque de Bonaval | Malandrómeda & Caamaño

16:00 – 20:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (instalación sonora)

16:00h, CGAC | O son electrónico de Galicia. Unha conversa interxeracional (panel de discusión)

16:00h, NUMAX | 32 Sounds (cinema)

16:00h, Parque de Bonaval | Bflecha b2b Mwëslee

16:30h, Igrexa da Universidade | Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko present

Гільдеґарда

18:00h, Parque de Bonaval | Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez

18:00 Fundacion Eugenio Granell | Niecy Blues, KUNTARI

18:00h Auditorio Abanca | ZULI presents Lambda; Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori present A Forbidden Distance

22:00h, Fundación Laboral da Construción | Klein, Beatrice Dillon, Lord Spikeheart, Nazar, aya & MFO present hexed!; CCL; KAVARI; Objekt+visuals by MIL111; Simo

Cell; Batu

Domingo 14

13:00h, Sede Afundación | Nono (sesión de escoita)

16:00 – 20:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (instalación sonora)

16:00h, NUMAX | Diary of a sky + When language fails us (cinema)

18:30h, Teatro Principal | Masayoshi Fujita, Grand River & Abul Mogard present In uno spazio immenso

Deja un comentario