
— Reforzarase cos concellos a xestión das faixas secundarias, asumindo a Xunta a competencia para ordenar a limpeza destas zonas
— Sinala que vai identificarse xunto cos concellos rozas urxentes e prioritarias
— Salienta que as comunidades de montes deberán investir máis porcentaxe dos seus ingresos en prevención e maquinaria de limpeza
— Anuncia a presentación neste 2025 do borrador do Plan director da industria forestal
— Din que vai solicitar ao Goberno central a creación dunha base permanente da UME en Galicia
— Acometerase o reforzo dos medios aéreos de extinción coa incorporación de novos avións e helicópteros e coa creación de novas bases
— Anuncia que as primeiras dúas axudas para reconstruír casas xa están concedidas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego acometerá o reforzo dos medios aéreos de extinción e revisará a limpeza das zonas máis próximas ás vivendas e infraestruturas. Por un lado, a través do reforzo dos medios aéreos de extinción coa incorporación de novos avións e helicópteros e coa creación de novas bases que poidan acollelos. E, por outro, reforzando cos concellos a xestión das faixas secundarias, e asumindo o Goberno galego a limpeza destas zonas.
Así o fixo esta mañá na súa intervención ante o Pleno do Parlamento, onde compareceu a petición propia para dar conta da xestión da Administración Autonómica en relación da vaga de incendios forestais rexistrada este verán en Galicia. O presidente comezou mostrando a súa proximidade a todas as persoas afectadas, ao tempo que manifestaba o seu dor por todo o territorio e as vivendas afectadas: ”A dor que sentiron e sentimos ao vivir en primeira persoa ou ao ver a través dos medios de comunicación como unha parte do noso territorio se converteu en pasto dos incendios é sen dúbida unha dor compartida. Cada hectárea que ardeu percibímola como se fose propia, e tamén sentimos moi preto a aqueles galegos que perderon as súas propiedades ou o seu modo de vida”, destacou. E tamén agradeceu a resposta exemplar de todas as persoas implicadas: “Nunha situación extraordinaria vin a resposta extraordinaria dun pobo extraordinario. Podemos sentirnos orgullosos”, remarcou o presidente.
Neste sentido, Rueda avogou por afrontar esta situación de recomposición desde a unión e non desde a crispación política, asumindo que haberá diferencias políticas pero esperando que se poida chegar a consensos a través do diálogo, para estar así “á altura do noso pobo”: “A contenda política é lexítima e é normal que no coincidamos nos análises. Pero sería moi difícil de entender que transmitamos a idea de que é moi difícil que agora cheguemos a un consenso”, apuntou.
Na súa comparecencia, Rueda valorou as causas dos incendios, dicindo que o análise destas non pode caer en simplificacións. Remarcou que, na inmensa maioría dos casos, “se o monte arde é porque alguén o prende”, e destacou o traballo da Xunta e dos distintos corpos de seguridade, reforzando a vixilancia con cámaras en puntos estratéxicos, incrementando as patrullas disuasorias e potenciando a investigación. Destacou que o Goberno autonómico conta coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), creada de xeito específico para atallar as causas dos lumes.
Ademais, as condicións meteorolóxicas e a evolución demográfica –xa que Galicia nunca tivo tanta superficie forestal como agora– foron tamén causas desa situación. Ante isto, o presidente deixou claro que Galicia “vai seguir estando á vangarda na loita contra o cambio climático”, e que desde o Goberno galego vai seguir potenciando un rural “do que se poida vivir e no que se poida vivir”.
Responsabilidade de todos
Ademais, o presidente do Executivo galego remarcou a responsabilidade de todas as Administracións de apostar en recursos tanto na prevención como na extinción, “con equilibrio”. Neste sentido, salientou as medidas tomadas pola Xunta de Galicia, como que se duplicara o orzamento destinado a prevención desde o ano 2018, pasando de 25 a 50 millóns invertidos ao ano; e que se cumprira ou estea en vías de cumprimento preto dun 90 % das medidas acordadas no Parlamento fai sete anos.
Na mesma liña, Rueda lembrou o convenio entre Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias e todas as axudas que desde a Administración autonómica se ofrecen aos concellos incorporados. Anunciou que a Xunta de Galicia vai modificar este convenio, co fin de afondar na colaboración entre Administracións. Deste xeito, apoiarase aos Concellos de menos de 10.000 habitantes asumindo a súa competencia para ordenar a limpeza das faixas secundarias nas parroquias priorizadas: “Manter limpas as faixas secundarias é unha responsabilidade compartida. Dos propietarios, dos concellos e da Xunta de Galicia”, salientou.
O titular do Executivo galego explicou que se lle proporá aos concellos identificar conxuntamente as rozas “máis urxentes e prioritarias” nas faixas secundarias para que as desenvolva Seaga. Seguindo esta liña, incidiu en que se afondará no impulso da plantación de frondosas autóctonas na contorna das parroquias afectadas para que actúen como cortalumes natural. A maiores, fixarase a adhesión dos concellos ao convenio de limpeza con Seaga e o cumprimento dos seus compromisos, como unha “condición indispensable” para recibir financiamento do Fondo de Cooperación Local e destacou que se duplicará a contía destinada aos labores de limpeza nos vindeiros orzamentos.
Rueda salientou que, de xeito conxunto cos concellos, se analizará a introdución de cambios normativos para que as Administracións poidan entrar directamente a limpar as fincas situadas en lugares sensibles aos lumes, naquelas zonas nas que os propietarios estean a incumprir a súa obriga. A maiores, o presidente afirmou que se promoverá unha modificación legal para que as comunidades de montes deban investir unha porcentaxe maior dos seus ingresos en prevención e en adquisición de maquinaria.
O presidente tamén anunciou que vai presentarse antes de que remate este ano o borrador do futuro Plan director da industria forestal, coa idea de que o aproveitamento económico e a ordenación sigan indo da man: “Vai ser un instrumento que identifique as maneiras de aproveitar o noso bosque, por onde hai que seguir e por onde hai que innovar”, apuntou. E afirmou que se continuará reducindo a burocracia para que os propietarios “non atopen trabas administrativas á hora de sacarlles partido ás súas parcelas e de mantelas limpas”.
Neste sentido, Rueda remarcou que tamén vai traballarse na simplificación dos permisos para facer rozas e queimas controladas, así como en dar facilidades para converter o solo forestal en solo agrario: “Faremos posible que toda a superficie que foi agraria e quedou abandonada hai 40 anos ou menos poida volver ao seu uso inicial sen necesidade de ningún tipo de procedemento”, apuntou o presidente.
Recoñecemento aos equipos de extinción
Por outro lado, o presidente quixo aproveitar para agradecer a todos os profesionais de extinción o seu encomiable labor. Co “obxectivo prioritario de protexer ás persoas e ás vivendas”, para Rueda os equipos de extinción lograron defender moitas aldeas e conseguiron que non houbera vítimas mortais no noso territorio.
E salientou que ese agradecemento “recoñecémolo de palabra e tamén con feitos”. Por iso, o presidente anunciou que vai solicitar ao Goberno central a creación dunha base permanente da UME en Galicia, nas instalacións xa existentes no concello de Toén, “porque creemos que as circunstancias obxectivas así o reclaman”, en palabras de Rueda.
E tamén anunciou que a Xunta vai acometer un reforzo dos medios aéreos de extinción, tanto mediante a incorporación de novos avións e helicópteros como a través da creación de novas bases que permitan a súa actuación, como a de Verín, “porque son eficaces e porque son necesarias”. Esta medida vaise apoiar nos fondos europeos de cohesión para a prevención e xestión dos riscos relacionados cos incendios forestais.
Primeiras axudas
O presidente quixo remarcar o traballo “contrarreloxo” do Goberno galego por comezar a reconstrución inmediatamente despois da extinción dos últimos incendios. E anunciou novas medidas que van tomarse, como a financiación por parte da entidade autonómica do custo que lles suporá aos municipios a realización dos controis de calidade de auga. Medidas que van tomarse coa máxima celeridade posible, xa que “hai que ser eficaces. Hai que axudar á xente cando a xente o necesita”, en palabras do presidente.
E tamén remarcou o paquete de axudas que se aprobou no último Consello do mes de agosto, con medidas “sen ningún límite no seu importe total”, entre as que destacan as indemnizacións para persoas feridas, con 120 euros por día de hospitalización ou para a reconstrución dos domicilios habituais, con ata 132.000 € que poden acadar case 150.000€ ao sumar o enxoval doméstico (16.200€) para a rehabilitación ou compra dunha nova vivenda, ou o 100 € do alugueiro temporal se o afectado o precisa e a habilitación de 16 oficinas de atención aos afectados para tramitar todas as axudas.
O presidente fixo balance das solicitudes feitas nesta primeira semana desde que se aprobaron as axudas, entre as que destacan 41 axudas para a vivenda pedidas, 191 para explotacións agrogandeiras, 61 para explotacións forestais e tres para industrias e comercios. E anunciou que as primeiras dúas axudas para reconstruír casas xa están concedidas: “As pagaremos nesta mesma semana. E esta mesma celeridade a poden esperar o resto das solicitudes”, remarcou o presidente.
Unha loita conxunta
Por último, Alfonso Rueda rematou a súa intervención apuntando a importancia de extraer as leccións necesarias da situación pasada este verán, de maneira que “esteamos máis preparados para todo o que teña que vir no futuro”: “Nunha crise sempre hai leccións que extraer e fallos que corrixir. Hai que analizar os erros que houbo e ver os acertos. Foi unha situación excepcional que estivo marcada pola dureza pero tamén pola grandeza dos que tiveron que intervir”, apuntou.
E dirixiuse a todas as persoas afectadas e ao conxunto da sociedade galega para transmitirlles que sempre van ter ao Goberno galego ao seu carón: “Non están sós, xa o saben. Galicia enteira os está acompañando. Esa é responsabilidade colectiva de todo o pobo: que o que agora está devastado volva a converterse no que foi: un símbolo de vida que teña un futuro mellor, máis verde, máis vigoroso e máis unido. Vivimos momentos duros. Galicia non se rendeu. Galicia sempre renace. Galicia sempre terá a forza da súa xente”, rematou o presidente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.