
Neda será un dos 20 municipios galegos nos que se desenvolverá nos próximos meses o proxecto Aloumiños, destinado a favorecer as relacións socias e mellorar o benestar físico e emocional da poboación maior. Co obxectivo de contactar con persoas interesadas en sumarse, e avanzar na posta en marcha de grupos na localidade, convócanse durante a semana que vén almorzos veciñais tanto no núcleo urbano como en Viladonelle.
O proxecto, xurdido da colaboración entre o Colexio de educadores e educadoras sociais e Sergas, conta co apoio municipal e busca crear espazos de encontro para mellorar o benestar asociado ás relacións interpersoais e ao apoio social. Un segundo obxectivo é contribuír a mellorar a saúde física e mental da poboación, mediante a intervención sociocomunitaria.
Dende o Concello anímase á veciñanza, especialmente nedenses de 65 anos en diante, a participar nos almorzos comunitarios que terán lugar este venres, 12 de setembro, no local social de Viladonelle (10 horas) e na Casa das palmeiras (11:30 horas).
Estes encontros servirán para falar das actividades semanais que se levarán a cabo durante os tres meses que durará o programa –pequenas andainas, actividades culturais e de lecer, obradoiros sociosanitarios…- así como para que a xente interesada se coñeza e se apunte.
Aquelas persoas que non poidan asistir aos almorzos, pero desexen ter información ou queiran participar en Aloumiños, poden chamar ao 698165131.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.