
Nos primeiros días do mes de outubro comezará a construción dos pisos de protección que promove o Concello a través de cooperativas. As primeiras obras serán as de Perillo, onde se crearán 21 vivendas.
No mes de novembro está previsto o inicio das obras de Xaz, onde se construirán 94 vivendas. No primeiro trimestre do 2026 comezará a construción do edificio de Mera, onde se crearán 28 pisos (quedan 4 dispoñibles neste momento).
Ante a inexistencia de axudas reais da Xunta que incentiven a construción de pisos de protección, o Goberno municipal vai máis alá das competencias propias e promove a creación destas cooperativas de vivendas. Neste momento é a única fórmula posible para que os veciños e veciñas de Oleiros poidan optar á adquisición de vivendas a prezos inferiores aos de mercado.
Para facer realidade estes 141 pisos, o Concello fixo efectiva a venda de 3 parcelas de propiedade pública por importe total de 1,4 millóns de euros. Ese solo foi acadado gratuitamente pola xestión urbanística que realiza o Goberno municipal, que garante un crecemento ordenado e sostible do territorio. Desta maneira, ademais de promover a construción de vivendas a prezos inferiores aos de mercado para familias de Oleiros, o Concello obtén recursos económicos para mellorar os servizos públicos e executar novas obras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.