Tuesday 09 de September de 2025

Unha trintena de persoas desafían á choiva e participan en Boqueixón na andaina do Goza do Ulla pola Ruta dos Pescadores


Unha trintena de persoas realizaron onte domingo unha andaina pola Ruta dos Pescadores de Boqueixón, dentro do programa “Goza do Ulla”. Un percorrido marcado pola climatoloxía, tanto pola choiva caída durante a mañá como polas caídas en datas previas, que mesmo obrigaron a modificar e acurtar o traxecto.

As persoas participantes concentráronse na igrexa de San Pedro de Donas, punto final do percorrido onde deixaron os seus vehículos e trasladáronse en autobús ata o inicio da ruta na Ponte Ledesma. Acompañadas polos técnicos de Turismo do Concello de Boqueixón, iniciaron o itinerario visitando a Ponte Vella e as Ínsuas de Gres. Desde aí, as persoas participantes percorreron o roteiro dos Pescadores (Rede Natura 2000), espazo natural protexido con vistas de gran beleza, ata chegar a Donas.

O programa “Goza do Ulla” é unha iniciativa promovida polos concellos de A Estrada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa que inclúe unha vintena de rutas de sendeirismo por estes municipios, que se desenvolven do 11 de maio ao 19 de outubro.

Deja un comentario