Tuesday 09 de September de 2025

A alcaldesa Goretti Sanmartín e a concelleira Míriam Louzao abren o curso 2025/2026 tras a posta a punto dos centros e con comedores en todo o rural


A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, visitaron este luns, coincidindo co inicio do curso 2025/2026, a escola do Rial de Laraño e o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) das Fontiñas tras a posta a punto dos centros durante o verán. Unha das novidades máis relevantes é que todas as escolas do rural contarán con comedor escolar, polo que a rexedora compostelá concluíu que o Concello chega cos “deberes feitos”.

“Hoxe é un día moi emocionante, un día de ilusión e un día en que os nenos e nenas collen con moitas ganas este inicio de curso. E é un día de nervios tamén para toda a comunidade educativa”, manifestou a alcaldesa de Santiago, quen, ademais de para a cativada e nais e pais, tamén tivo palabras de bos desexos para todas as persoas que conforman as equipas dos centros e especialmente para o profesorado que comeza.

Na súa intervención, a rexedora fixo repaso das actuacións que se levaron a cabo durante a época de verán por parte do departamento de Educación, que se complementan cos investimentos que realizan as concellarías de Deportes e a de Obras. Neste sentido, Sanmartín Rei lembrou que se destinaron 300.000 euros para actuacións de mantemento e certificación de parques infantís nos centros escolares (con arredor de 116.000 euros para esta actuación).

No caso concreto das Fontiñas, foron máis de 34.000 euros para distintas actuacións como a limpeza e pintado da fachada do edificio de educación primaria, o pintado do espazo do comedor ou o arranxo e certificación do parque infantil, entre outras.

Outra das actuacións son a nova cuberta do CEIP Quiroga Palacios, cun investimento de case 400.000 euros, que ademais segue a liña das obras que está desenvolvemento o Concello no que ten que ver coa resolución da accesibilidade; ou a intervención da pista deportiva no pavillón do colexio Lamas de Abade.

Escolas do rural con comedor

Antes de visitar o CEIP das Fontiñas, a alcaldesa e a concelleira de Educación trasladánronse á escola de Rial-Laraño, na que o Concello fixo investimentos importantes ao longo do último ano, como os 125.000 euros para unha nova zona de xogos con firme de caucho e zona de horta escolar con sistema de regado.

Ademais, durante o verán, leváronse a cabo obras de importancia para acondicionar os espazos nos que se vai ofrecer o servizo de comedor nas tres escolas infantís do rural (Rial-Laraño, Marrozos e O Eixo), que botará a andar por primeira vez nestas escolas con este curso 2025-2026.

“Vemos con satisfacción como este ano os datos de matriculación nas tres escolas son moi bos, e pensamos que, en boa medida, ofrecer o servizo de comedor foi determinante para contribuír á decisión das familias”, destacou a alcaldesa. Este ano haberá 18 nenos e nenas en Laraño; 15 no Eixo, que practicamente duplica os datos do curso 2024-2025, e 8 en Marrozos.

Comezar a ofrecer o servizo de comedor nas escolas infantís do rural é, en palabras da alcaldesa, “un chanzo máis no camiño cara o novo modelo de comedores escolares”.

Durante ámbalas dúas visitas, Goretti Sanmartín e Míriam Louzao tiveron ocasión de conversar tanto coa presidenta da Fanpa Compostela, Esther Martínez, como con representantes das Anpas e as equipas directivas dos centros educativos.

Deja un comentario