Tuesday 09 de September de 2025

Belén do Campo visita a zona na que se construirá unha senda na AC-552 en Nantón en Cabana de Bergantiños que conta cun investimento que rolda os 425.000€


A actuación é un itinerario peonil de 1,5 quilómetros de lonxitude e ten por obxectivo fomentar a mobilidade sostible e mellorar a seguridade viaria da estrada

A delegada da Xunta explicou que esta senda tamén facilitará a circulación dos usuarios da “Asociación Íntegro” a agradeceu aos seus representantes que a acompañaran na visita

A Xunta someterá o venres, 12 de setembro, a información pública o proxecto co obxectivo de poder aprobalo no outono, para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e pola directora territorial da Consellería Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire visitaron a zona na que construirá unha nova senda peonil na estrada autonómica AC-552 en Nantón, ao seu paso polo concello de Cabana de Bergantiños, cuxa execución suporá un investimento que roldará os 425.000 euros. Esta actuación foi aprobada provisionalmente, hai uns días, no Consello da Xunta.

 

O obxecto da actuación é a execución dunha senda peonil de 1,5 quilómetros de lonxitude, na marxe dereita da AC-552, entre os puntos 49+650 e 51+150;  e ten como principal obxectivo, explicou Belén do Campo,” fomentar a mobilidade sostible e mellorar a seguridade viaria da estrada, coa execución dun itinerario continuo e seguro para os peóns”.

 

A outra finalidade da execución da senda, sinalou, “é a de apoiar o seu  uso por parte dos usuarios da “Asociación Íntegro” para persoas con diversidade funcional, que poderán acceder con seguridade ao centro de saúde, parada de autobús, gasolineira, campo de fútbol e outros servizos”. Neste senso, a delegada agradeceu aos seus  representantes que a acompañaron na visita para comprobar a funcionalidade desta nova senda.

 

A representante do Goberno autonómico explicou que a  Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someterá, este venres, 12 de setembro, este proxecto a información pública por un prazo de 1 mes. Nesta intervención é necesario a expropiación de 32 predios, cunha superficie total de 1.382,25 m2.

 

Belén do Campo adiantou que “a  previsión é poder aprobar o proxecto no outono para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras cun prazo de execución das obras que é de 6 meses”.

 

 

 

Descrición do proxecto

Trátase de executar un itinerario peonil no citado treito da AC-552, sen modificar o trazado da vía, que disporá de 1,80 metros de ancho de senda e contará con bordo.

 

Nos vaos peonís (mantense a localización existente) e na sinalización e guía das paradas de bus dos puntos quilométricos 0+320 e 0+920, executarase un pavimento diferenciado.

 

De xeito complementario a execución da senda, levaranse a cabo as actuacións necesarias para a funcionalidade da mesma, coma son a canalización das augas pluviais ou a instalación de telecomunicacións baixo a senda.

 

Ademais, procederase ao retranqueo da parada de bus existente no punto quilométrico 0+140 a unha nova posición no 0+320; rasanteo das tapas de cámaras de rexistro e arquetas necesarias; e execución dun chanzo, en reposición do existente, sobre o noiro do punto quilométrico 1+010.

 

Na intervención, tamén, se prevé o repintado das marcas viarias existentes e, no espazo da parada do bus, na marxe dereita do punto quilométrico 0+320 pintaranse novas marcas viarias encamiñadas á reordenación do espazo. Así mesmo, se ten en conta o retranqueo de sinais verticais.

Deja un comentario