
— A cinemateca da Xunta inaugura mañá a súa temporada 2025-2026 cun documental sobre a obra deste realizador galo como preámbulo da retrospectiva que se lle dedica no centenario do seu nacemento
— Esta mesma semana arranca tamén o ciclo ‘Fulgores e fracturas do cinema moderno arxentino’, que presentará na Coruña o seu comisario, Ramiro Sonzini
— O cineasta galego Alejandro Enríquez manterá un encontro co público o día 16 con motivo da proxección do seu documental ‘Rapa’ dentro da sección ‘Off Galicia’
A Filmoteca de Galicia inicia a súa nova temporada de proxeccións, no marco da que este mes de setembro dá comezo unha retrospectiva sobre o realizador francés Maurice Pialat, ofrece un percorrido polo cinema arxentino dos anos 60 e 70 e acolle un encontro co director galego Alejandro Enríquez a propósito da proxección do seu documental Rapa, entre outras citas.
A cinemateca da Xunta inicia o curso na tarde de mañá coa primeira sesión do ciclo Centenario Maurice Pialat, na que se exhibirá o documental Maurice Pialat, el amor existe, de Anne-Marie Faux e Jean-Pierre Devilliers, como primeiro achegamento á figura do cineasta galo mediante fragmentos dos seus filmes e entrevistas.
A través de novas restauracións dixitais, esta retrospectiva permitiralle ao público redescubrir esta filmografía nun momento no que a súa pegada se está a revelar esencial no cinema francés contemporáneo. Coetáneo da Nouvelle Vague, Pialat ofreceu unha ollada diferente dentro do cine do seu país, desprovista de todo artificio. O ciclo, que terá continuidade ata novembro, ofrece este mes as súas cinco primeiras longametraxes: desde a súa aclamada ópera prima, La infancia desnuda, que poderá verse este xoves 11 e o venres 12, pasando por Nosotros no envejeceremos juntos, días 17 e 18; La boca abierta, días 19 e 20; Aprueba primero, días 23 e 24; e Loulou, días 25 e 26.
Na sección Fóra de serie, a cinemateca programa mañá e o mércores a película A la deriva, de Jia Zhang-ke, na que o cineasta chinés emprega escenas e descartes dos seus propios filmes para compoñer unha historia de amor que percorre 20 anos de relación co pano de fondo da transformación económica e social de China. Neste mesmo apartado, exhibirase o 26 de setembro La viajera, do director surcoreano Hong Sang-soo e con Isabelle Huppert como protagonista.
Presentacións e coloquios
Na xornada deste mércores, a Filmoteca de Galicia acolle, así mesmo, a estrea do ciclo Fulgores e fracturas do cinema moderno arxentino, un percorrido maioritariamente centrado nas décadas dos 60 e 70, época na que a sétima arte dese país se debateu entre a experimentación e a censura. Trátase dunha proposta do crítico e programador arxentino Ramiro Sonzini, quen presentará as dúas primeiras sesións os días 10 e 11. Na primeira delas, exhibirase o filme Este es el romance del Aniceto y la Francisca, de cómo quedó trunco, comenzó la tristeza y unas pocas cosas más…, de Leonardo Favio, mentres que o xoves 11 será a quenda de Los hijos de Fierro, de Fernando “Pino” Solanas e unha obra paradigmática do cinema militante dos anos 70.
Ao longo de todo o mes, o público poderá achegarse a outras películas como ¡Ufa con el sexo!, de Rodolfo Kuhn (día 12); Los inundados, de Fernando Birri (día 13); Los venerables todos, de Manuel Antín (día 16); Racconto, de Ricardo Becher (día 18); Operación Masacre, de Jorge Cedrón (día 19); Dar la cara, de José Martínz Suárez (día 23); Mburucuyá, cuadros de la naturaleza, de Jorge Acha (día 24); La vuelta al nido, de Leopoldo Torres Ríos (día 25) e Juan, como si nada hubiera sucedido, de Carlos Echeverría (día 27). A través desta escolma, Sonzini busca tamén chamar a atención sobre o estado de conservación do cinema arxentino, carente dunha filmoteca nacional que garanta a súa historia.
Off Galicia
Na sección Off Galicia, o director Alejandro Enríquez visitará a sala José Sellier o martes 16 para presentar Rapa e manter un coloquio sobre este documental, que mira desde dentro a Rapa das Bestas de Sabucedo e do que se ofrecerá un segundo pase o día 17.
O mes de setembro rematará con dúas sesións que a Filmoteca de Galicia acolle como unha das sedes do Festival Internacional de Cine Intersección, que se celebrará na Coruña desde o día 26 ata o 4 de outubro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.