Tuesday 09 de September de 2025

Mila Castro acusa ao goberno local de “descontrol sobre as concesionarias” e pide un programa “ambicioso” de limpeza e mantemento antes do remate do ano


• A concelleira non adscrita critica que o executivo de Sanmartín “trate de ocultar o seu desleixo a través de sancións puntuais”

• “De nada sirve unha sanción se, despois de aplicala, non existe ningún responsable público controlando diariamente o traballo da empresa”

As concelleiras non adscritas de Santiago de Compostela denunciaron este luns a situación de “falta de limpeza e mantemento” do Concello que, sinalan, é froito do “descontrol” do goberno local sobre as empresas concesionarias responsables. Así o denunciou Mila Castro, reclamando ademais a posta en marcha dun “programa ambicioso de limpeza”, antes do remate deste mesmo ano.

Castro insiste en que ese programa debe executarse no último trimestre deste 2025, abranguendo todo o termo municipal: “centro, barrios e rural que se atopan nunha situación de abandono grave”. De feito, a que fóra responsable de Servicios Básicos durante o mandato de Sánchez Bugallo, pide que se preste especial atención á contorna dos colectores e, que nese programa, se inclúa tamén unha limpeza a fondo dos mesmos, tamén do de vidro que depende de Ecovidrio. Neste sentido, xa no último mes, Castro denunciara a falta de limpeza de colectores do lixo logo de recibir queixas de peóns, veciñanza e hostaleiros e comerciantes polo mal cheiro dalgúns destes puntos.
“Por suposto, esta actuación debe facerse extensiva ao mantemento das zonas verdes e dos parques do noso Concello” insiste a edil non adscrita que, critica, “nunca antes o noso municipio estivera tan sucio e descoidado”. De feito, sobre as causas desta situación, sinala directamente ao goberno local, apuntando que, tanto a empresa de limpeza e recollida de lixo, como a responsable do mantemento das zonas verdes, son as mesmas que prestaban o servizo no anterior mandato: “se as empresas non cambiaron e o goberno si, parece doado dar co que está fallando”.

Máis control sobre as concesionarias

Para as concelleiras non adscritas o problema está nunha “falta de control permanente” sobre as empresas responsables por parte do goberno local. Mila Castro criticou este luns que o goberno local “trate de ocultar ese desleixo a través de sancións puntuais”, referíndose ao expediente sancionador que o executivo de Sanmartín anunciara tralos incumprimentos da empresa. Para as concelleiras non adscritas “de nada sirve unha sanción se, despois de aplicala, non existe ningún responsable público controlando diariamente o traballo da empresa”.

Neste sentido, lembra Castro que, a pesar de que a propia Goretti Sanmartín, estando na oposición, “insistía constantemente na necesidade dun maior control sobre as concesionarias”, agora “non aplica as súas propias receitas”. Apunta a concelleira non adscrita que, a pesar de que o actual goberno “ten máis persoal directivo que nunca antes”, o control sobre ás concesionarias “é pésimo” e esixe que se reverta esta situación de xeito inmediato xa que, lembra, “se a empresa non cumpre é tamén porque non existe ninguén que, día a día, lle dite as directrices necesarias para que cumpra as súas obrigas”.

Deja un comentario