Tuesday 09 de September de 2025

O BNG de Ribeira apoia a comunidade escolar do Grupo e exixe á Xunta a dotación inmediata de profesorado


O Bloque Nacionalista Galego manifesta o seu respaldo á mobilización convocada pola ANPA Santa Uxía tras a denuncia de que o curso comezou sen un titor para unha aula de terceiro de Primaria. Esta situación resulta inaceptable e engádese a unha longa serie de recortes e deficiencias que a comunidade educativa vén denunciando nos últimos anos.

En febreiro deste mesmo ano a ANPA do CEIP O Grupo mobilizouse para reclamar a reactivación das obras do ascensor e a recuperación de profesorado especialista, denunciando que o centro sufría recortes constantes. Xa en outubro de 2024 as ANPA de Ribeira, co apoio do Concello, fixo público un manifesto conxunto contra a redución de aulas, o incremento das ratios e a diminución de docentes e persoal de apoio.

Os recortes en profesorado afectan a moitos centros como o IES Nº 1 de Ribeira onde hai uns cantos anos tamén se reduciran 10 docentes e profesorado especializado en necesidades específicas. Estes feitos demostran que non se trata dun problema puntual senón un ataque sistemático contra o ensino público.

Dende o BNG de Ribeira reiteran que o Ensino público debe ser unha prioridade e que a Xunta de Galiza ten a obriga de dotar de inmediato o profesorado necesario para garantir un ensino de calidade. O Partido Popular debe deixar de atacar Ribeira e de xogar cos dereitos das crianzas, porque quen paga as consecuencias destes recortes son as familias e o alumnado.

Na concentración en defensa desta reivindicación estiveron presentes militantes do BNG local, incluíndo o alcalde Luís Pérez e as concelleiras Cruz Rivadulla e Veva Betanzos mostrando así o compromiso firme coa defensa da educación pública e co dereito de todas as nenas e nenos de Ribeira a un ensino digno.

Deja un comentario