Tuesday 09 de September de 2025

Inés Rey destaca o compromiso municipal coa educación pública no inicio do novo curso escolar


A alcaldesa vistou o CEIP Curros Enríquez, onde o Concello renovou a instalación eléctrica completa

O Goberno municipal investiu máis de 800.000 euros en melloras nos colexios este verán e impulsa máis de 100 actividades educativas para o curso 2025-2026

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, visitaron esta mañá o CEIP Curros Enríquez coincidindo co inicio do curso escolar 2025-2026. A rexedora destacou a importancia de “acompañar ao alumnado neste primeiro día e comprobar de primeira man os avances nos centros educativos grazas ao compromiso municipal coa educación pública”.

No CEIP Curros Enríquez executáronse obras por un importe de 152.000 euros para renovar a instalación eléctrica completa do centro, unha intervención clave para mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética do edificio. Estas actuacións forman parte dun plan global de investimento que supera os 800.000 euros e abrangue 13 centros da cidade, co obxectivo de modernizar e adaptar os espazos educativos ás necesidades actuais.

Rey e Borrego puxeron en valor a colaboración coas direccións e ANPAS para adaptar os investimentos ás necesidades reais de cada centro. “O noso obxectivo é garantir espazos dignos, seguros e funcionais para o alumnado e o profesorado, porque a educación pública é unha prioridade absoluta deste Goberno”, sinalou a alcaldesa.

Xunto ás melloras nas infraestruturas, o Concello reforza este curso a programación educativa. A través do convenio coa Federación Provincial de ANPAS, investiranse 425.000 euros en actividades lectivas e extraescolares nos centros públicos, no marco dos programas A Coruña de Aventura e A Coruña Tardes.

Ademais, o programa educativo municipal inclúe máis de 100 actividades diferentes impulsadas por diversas áreas municipais e entidades locais, con propostas que abranguen ciencia, arte, deportes, medio ambiente ou idiomas. Como novidade, o curso 2025-2026 contará co programa Chorus, centrado na educación musical coral, que culminará cun concerto no Coliseum xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia.

Deja un comentario