Tuesday 09 de September de 2025

O Concello inicia as obras de asfaltado do camiño de Borreiros, en Xaviña


· O proxecto conta cun orzamento de 65.000 euros, financiados a través do AGADER.

· Os traballos inclúen a renovación do firme, a ampliación do ancho da vía en determinados tramos e a construción dun sistema de drenaxe.

O Concello de Camariñas iniciará mañá, martes 9 de setembro, as obras de mellora e asfaltado do camiño municipal de Borreiros, na parroquia de Xaviña. Trátase dunha actuación que permitirá renovar este viario de acceso a parcelas agrícolas, mellorando a súa seguridade e accesibilidade. O proxecto conta cun orzamento de 65.000 euros, financiados a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Os traballos inclúen o desbroce e limpeza dos marxes, a ampliación do ancho da vía en determinados tramos, a construción dun sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais, a reconstrución parcial dun muro de pedra, e a posterior preparación e pavimentación con aglomerado asfáltico en quente. A actuación completarase coa correspondente sinalización horizontal.

“Este camiño atópase moi deteriorado, con fochancas, estreitamentos e problemas de escorrentía. Con esta obra buscamos dar unha resposta ás necesidades da veciñanza de Xaviña, garantindo un acceso en condicións e máis seguro”, sinalan desde o goberno local.

Deja un comentario