Tuesday 09 de September de 2025

Belén do Campo participa na tradicional romaría popular organizada pola Asociación de Veciños de San Pantaleón das Viñas de Paderne


A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe na tradicional romaría popular que, cada ano, organiza a Asociación de Veciños de San Pantaleón das Viñas, no concello de Paderne.

Durante a xornada, a representante do Goberno autonómico quixo salientar o importante labor que desenvolven as asociacións veciñais á hora de conservar as tradicións e manter vivo o tecido social no rural galego.

A delegada destacou tamén que iniciativas como esta romaría “son unha mostra da vitalidade e da capacidade de unión das comunidades locais, que manteñen vivas as súas raíces e transmiten ás novas xeracións o valor da cultura e da convivencia”.

Ademais de compartir o encontro coa veciñanza, a delegada agradeceu expresamente á Asociación de Veciños de San Pantaleón das Viñas o seu esforzo na organización dun evento que, ano tras ano, consegue reunir a centos de persoas arredor da música, da gastronomía e das tradicións populares.

No encontro a delegada lembrou que esta entidade, que conta con 270 socios, foi beneficiaria das axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025 da Xunta, que lles permitiu instalar un novo sistema de calefacción máis eficiente e reparar a cuberta da terraza poder gozar da mesma nas tempadas de outono e inverno, que actualmente está limitada a que faga bo tempo. Con esta intervención optimizouse o uso deste espazo para os veciños dando resposta as súas demandas.

Deja un comentario