Tuesday 09 de September de 2025

O BNG reclama que Rioboo cumpra as indicacións do Consello de Contas no contrato de Limpeza de Edificios.


O contrato de limpeza de edificios públicos, cun valor estimado de 4.658.364,40 foi troceado en tres lotes dos que dous foron adxudicados á única empresa que se presentou.

O BNG esixiu ao goberno de José Ramón Rioboo o establecemento de medidas preventivas que eviten recaer en prácticas que o Consello de Contas denomina como “riscos no ámbido da contratación públicas”.

O BNG de Culleredo dará traslado do acontecido neste proceso de contratación á Comisión Galega da Competencia, para que esta valore a existencia de prácticas que atenten contra os principios da libre concorrencia.


O Pleno Municipal de Culleredo co voto en contra do BNG, ven de adxudicar os tres lotes nos que trocean o contrato de limpeza de edificios municipais, con evidentes indicios do que o Consello de Contas, nun recente informe sobre as prácticas de contratación do Concello de Culleredo, sinala como “parámetros que na contratación pública poden levar á súa consideración como <<bandeiras vermellas>> ou indicios para a súa consideración como riscos no ámbito da contratación pública”. A concorrencia dunha soa empresa a un procedemento de contratación.

Dous deses lotes foron adxudicados á única empresa que optou a eles. Esta empresa tamén se presentara ao terceiro lote, pero non resultou entre as ofertas mellor valoradas.

O Consello de Contas xa indicara ao Concello de Culleredo a necesidade de “mellorar a calidade dos seus procesos de contratación pública e introducir racionalidade no uso dos recursos públicos, libre concorrencia, transparencia e integridade, así como a favor da loita contra a corrupción”.

O BNG de Culleredo fai o posible por que se usen ben os recursos públicos e esixe da Corporación presidida por José Ramón Rioboo o seguimento das recomendacións emitidas polo órgano de control das contas públicas, establecendo medidas preventivas que garantan a transparencia e a efectiva competencia en todas as contratacións públicas.

 
Por iso, o propio BNG de Culleredo dará traslado á Comisión Galega da Competencia do acontecido neste proceso de contratación, na que advertirá dunha posible nulidade de pleno dereito da composición da Mesa de Contratación, co obxectivo de evitar prácticas colusorias cos principios de libre concorrencia e transparencia. Esta remisión do expediente á Comisión Galega da Competencia é unha das indicacións para prevención da corrupción que o Consello de Contas lle fai ao Concello de Culleredo, e que o BNG reclamou no Pleno Municipal, sen que fose atendida.

Deja un comentario