
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Federación Provincial de ANPAS, ofrecerá actividades educativas, culturais, deportivas e de conciliación durante o curso 2025-2026
O Concello da Coruña impulsa un ano máis os programas educativos municipais en centros públicos, a través do convenio coa Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña, cun investimento de 425.000 euros para o curso 2025-2026.
A programación inclúe actividades en horario lectivo e extraescolar, que se desenvolverán entre setembro de 2025 e xullo de 2026. Estas organízanse arredor de dous grandes bloques: A Coruña de Aventura, centrado no coñecemento da cidade e o seu patrimonio; e A Coruña Tardes, que inclúe propostas culturais, deportivas, lingüísticas e de conciliación.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “seguimos apostando pola educación pública como pilar fundamental dunha cidade máis xusta, igualitaria e con máis oportunidades para a infancia e mocidade. Estes programas son unha ferramenta clave para contribuír á conciliación, ao desenvolvemento integral do alumnado e á cohesión social”.
Rey lembrou tamén que “esta aposta complementa os investimentos en obras e melloras nos centros escolares, como as actuacións que vimos de realizar en 29 colexios da cidade, dentro do contrato de mantemento recentemente reforzado”.
A Coruña de Aventura
Conxunto de programas que fomentan o coñecemento da cidade, o seu patrimonio e historia a través de metodoloxías activas, dinámicas e adaptadas a cada etapa educativa:
● Visitas Escolares: visitas guiadas e actividades educativas adaptadas ao currículo e aos niveis educativos, que permiten coñecer o patrimonio histórico, cultural e científico da cidade.
○ Período de realización: do 12 de xaneiro ao 12 de xuño de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial (segundo os requisitos de cada visita)
● Itinerarios: percorridos temáticos por espazos emblemáticos da cidade, nos que o alumnado descobre figuras clave da súa historia —como María Pita, Isabel Zendal ou Picasso—, así como correntes artísticas como o modernismo ou a historia das casas consistoriais, combinando exploración urbana, narración e interpretación histórica.
○ Período de realización: do 3 de marzo ao 20 de xuño de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de 3.º a 6.º de Educación Primaria, ESO e Bacharelato
● Rutas Urbanas Animadas: propostas de introdución ao entorno urbano para os máis pequenos, a través de camiñadas guiadas por lugares como Santa Margarita ou Méndez Núñez, que mesturan contacontos, xogos e aprendizaxe cidadá.
○ Período de realización: do 3 de marzo ao 30 de maio de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de 3.º curso de Educación Infantil nas EIM, EI, e alumnado de 1.º e 2.º de Educación Primaria dos CEIP da cidade
● Espías no Tempo: actividade baseada na investigación da historia dos barrios e da cidade a través do traballo de campo, a memoria colectiva e dinámicas de xogo que fortalecen o sentimento de pertenza e identidade local.
○ Período de realización: do 9 de decembro de 2025 ao 31 de marzo de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de 5.º e 6.º de Educación Primaria dos CEIP da cidade
Período de inscrición para todas as actividades de “A Coruña de Aventura”: do 16 de setembro ao 16 de outubro de 2025
A Coruña Tardes
Actividades extraescolares de tarde que completan a xornada educativa con propostas que favorecen o desenvolvemento persoal, a creatividade, a convivencia e a conciliación familiar:
● Arte e Cultura no Centro: obradoiros artísticos, culturais e científicos que achegan ao alumnado ao teatro, á expresión plástica, á ciencia ou ás novas tecnoloxías nun contexto participativo e inclusivo.
○ Período de inscrición: ata o 14 de setembro de 2025
○ Período de realización: do 1 de outubro de 2025 ao 19 de xuño de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de Educación Infantil e Primaria dos CEIP da cidade
● Deporte no Centro: fomenta a actividade física como ferramenta de desenvolvemento persoal, a través de xogos e disciplinas deportivas adaptadas á idade do alumnado.
○ Período de inscrición: ata o 14 de setembro de 2025
○ Período de realización: do 1 de outubro de 2025 ao 19 de xuño de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional
○
● Idiomas no Centro: achega o inglés ou o francés ao alumnado mediante actividades lúdicas centradas na expresión oral e a comprensión auditiva, con dinámicas adaptadas aos seus intereses.
○ Período de inscrición: ata o 14 de setembro de 2025
○ Período de realización: do 1 de outubro de 2025 ao 19 de xuño de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO
● Cóxegas: programa de conciliación durante o mes de setembro, que combina xogos, teatro, deporte e actividades creativas nun espazo seguro e dinámico.
○ Período de inscrición: ata o 2 de setembro de 2025
○ Período de realización: do 8 ao 30 de setembro de 2025
○ Destinatarios/as: alumnado de Educación Infantil e Primaria dos CEIP da cidade
● Campacoles: campamentos urbanos con servizo de madrugadores e comedor, dirixidos a facilitar a conciliación durante as vacacións escolares.
○ Período de realización: última semana de xuño e mes de xullo de 2026
○ Destinatarios/as: alumnado de Educación Infantil e Primaria dos CEIP da cidade
○ Período de inscrición: maio de 2026 (data por determinar)
As inscricións realizaranse, segundo o programa, a través dos centros educativos ou da páxina web da Federación de ANPAS: www.fedapascoruna.org/inscripciones
Outros programas educativos municipais
Ademais das propostas incluídas en “A Coruña de Aventura” e “A Coruña Tardes”, o programa educativo municipal para o curso 2025-2026 abrangue máis de 100 actividades diferentes, dirixidas a todas as etapas educativas e desenvolvidas en colaboración con distintos servizos municipais —como Museos Científicos, Deportes, Igualdade, Medio Ambiente, Policía Local, Servizos Sociais ou Emprego— e entidades como Agapema, Igaciencia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Estas accións estrutúranse en grandes áreas temáticas: ciencias, cultura, participación cidadá, orientación profesional, idiomas, saúde, educación viaria, consumo responsable, igualdade, medio ambiente ou conciliación, consolidando así unha oferta educativa municipal ampla, diversa e adaptada ás necesidades da comunidade educativa local.
Como novidade, este curso ponse en marcha o programa “Chorus”, centrado na educación musical coral. A iniciativa inclúe un seminario de formación para profesorado de música, cinco sesións preparatorias de canto coral co alumnado de 4.º a 6.º de primaria, e un concerto final no Coliseum no mes de xaneiro de 2026, no que participarán coros escolares xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia e outras formacións corais da cidade.
A maior parte dos programas abren o seu prazo de inscrición entre o 16 de setembro e o 16 de outubro, e desenvolveranse entre os meses de outubro e xuño, aínda que poden existir excepcións segundo a programación de cada actividade.
A programación completa, con todos os programas, destinatarios e prazos de inscrición, pode consultarse no descargable ao final desta páxina ou na páxina web de Educación do Concello da Coruña: Cadro resumo do programa educativo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.