Saturday 23 de August de 2025

Neda avanza as propostas de mellora do actual sistema de abastecemento de auga formuladas por Viaqua


O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, reuníase esta mañá na Casa Consistorial cos voceiros e voceiras dos distintos grupos con representación municipal para explicar as causas dos problemas no abastecemento rexistrados entre o tarde do 13 e o 16 de agosto (falta de presión e interrupción en parte do municipio), tras detectarse varias roturas nas infraestruturas de subministro que conducen a ETAP dos Pazos. No encontro, o goberno local tomou nota das suxestións trasladadas pola oposición, e compartiu as propostas formuladas por Viaqua, empresa que xestiona o servizo municipal, para evitar que a situación se repita.
A activación do baipás que trae auga directamente dende Narón, en tanto se reparaban as fugas, non foi suficiente para abastecer ao conxunto do municipio. Un problema que a empresa mixta Emafesa, atribúe ao “exceso de consumo” rexistrado eses días nos municipios cabeceira de comarca.
Entre as medidas correctoras para garantir un subministro continuo a toda a poboación, Viaqua propón, en primeiro lugar, aumentar a capacidade de almacenamento de Neda, rehabilitando un antigo depósito e conectándoo á rede actual. Avoga tamén por aumentar a capacidade de bombeo de auga bruta que chega á ETAP e, por último, aposta por un control sectorizado da rede, que facilite a detección e eliminación de fugas.
O rexedor municipal trasladou aos responsables dos distintos grupos políticos que, ao longo da próxima semana convocarase unha reunión coa veciñanza afectada para dar conta deste informe, avanzar xestións que se están a levar a cabo, e atender as queixas que formulen.

Deja un comentario