
Xa está en marcha o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, que se desenvolve durante este venres en San Sadurniño. O evento abriu a media mañá coa benvida do director do colectivo, Ángel Sánchez, da deputada provincial de Cultura, Natividade González, e do alcalde de San Sadurniño, Secundino García.
Na presentación, a representante da Deputación da Coruña -que colabora co encontro- puxo o foco na importancia de destacar os recursos do noso país e visibilizar o rural como espazo no que acontecen cousas. Subliñou tamén o achegamento ao asociacionismo e á riqueza cultural galega, así como o traballo de base que fortalece un sector audiovisual en crecemento. Natividade González lembrou, por último, que a cultura debe ser sempre accesible para todas as persoas.
Pola súa banda, Secundino García Casal fixo unha reflexión sobre a situación actual en Galicia marcada polos incendios, lembrando a importancia de tomar conciencia colectiva. Ademais, destacou a oportunidade que supón poñer en común ideas entre profesionais do sector audiovisual e reivindicar o valor da creatividade galega, sinalando o exemplo da Chanfaina como símbolo desa forza compartida. O alcalde de San Sadurniño tamén aproveitou para reivindicar o audiovisual como un sector estratéxico que ten no rural unha grande fonte de talento.
O programa do II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema promovido por Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema diríxese durante a mañá a profesionais do sector. Pero pola tarde hai varias actividades pensadas para todos os públicos:
-Ás 17:00h un percorrido cultural polos principais elementos patrimoniais e naturais do centro municipal. Saída da Praza Ramón Díaz Raña.
-Ás 19:00h proxección dunha escolma de curtas do Chanfaina Lab
-Ás 20:30h pase do filme “Salvaxe, salvaxe”, con presenza do seu director, Emilio Fonseca, e da produtora, Xiana do Teixeiro.
-Ás 22:00h concerto da cantautora galega Su Garrido Pombo
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.