
• Propietarios reciben chamadas continuas con informacións falsas por parte da empresa estatal para instigarles a unha venda exprés
• Santiso reitera que recorrerá “a canto medio e vía exista” para opoñerse á construción da infraestrutura
O Concello de Abegondo mostra a súa indignación ao ser coñecedor da “praxe despreciable” que está a levar a cabo Rede Eléctrica Española cos veciños e veciñas da parroquia de Folgoso no seu desexo de facerse cos terreos necesarios para o seu proxecto de subestación. Diferentes propietarios de leiras que por agora optaron por non vender están a recibir “presións indecentes” por parte da empresa.
Os donos destes terreos que pretende a compañía están a recibir nas últimas semanas chamadas continuas. Nelas, unha vez que se atopa de novo coa negativa á venda das parcelas, Rede Eléctrica ofrece un relato de información falsa para facer ver ao veciño que a subestación se construirá de inmediato, nuns prazos exprés, e forzarlle a cambiar a súa decisión.
Segundo transmiten os veciños, mesmo no ánimo de facerse cos seus terreos, ameazan cunha expropiación a un prezo sensiblemente inferior.
O Concello de Abegondo aclara que a día de hoxe non se dispón de data algunha oficial para ningún novo paso do proxecto de subestación, nin para un levantamento de actas de expropiación, nin moito menos para o inicio de ningunha obra.
O alcalde, José Antonio Santiso, manifesta o seu “profundo malestar” por que Rede Eléctrica recorra sen ningún tipo de complexo a “falsidades e ameazas” para lograr os seus intereses. O rexedor advirte de que “non consentirá que se pase por encima dos dereitos dos veciños, que evidentemente poden obrar con liberdade e en defensa dos seus intereses lexítimos”.
Santiso reitera que a oposición do Concello a esta infraestrutura será rotunda e empregará “canto medio e vía exista” para frealo e esixir que se respecte en todo momento aos cidadáns e ao territorio.
O Concello e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentaron as súas alegacións tanto ao proxecto inicial como á ampliación reclamando ao Goberno denegue a Rede Eléctrica a solicitude de autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción polo seu impacto nocivo e pola súa carencia de xustificación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.