
As persoas que presenten as tres mellores levarán vales de regalo para canxear nas panaderías participantes ou colaboradoras do certame
Coa Festa do Pan de Neda á volta da esquina, o Concello convoca a sexta edición do concurso de empanadas que recorda ao que se desenvolvía nos tempos en que o certame se celebraba en Albarón. Dende o xoves 28 de agosto estará aberto o prazo de inscrición. As persoas que presenten as tres mellores elaboracións gañarán vales para gastar nas panaderías que participan ou colaboran nesta edición do certame, declarado Festa de Interese Turístico Galego.
Na competición, de carácter non profesional, poderán participar calquera persoa maiorde idade que o desexe, independentemente de que sexan ou non de Neda. Poderán inscribirse ata o 4 de setembro, a través do teléfono 981 39 02 33 en horario de 10 a 14 horas ou enviando un correo electrónico a cultura@neda.gal, indicando nome e apelidos, enderezo, DNI, teléfono de contacto, e ingredientes da empanada que vaian presentar.
As persoas que queiran participar deberán preparar unha empanada de entre un e dous kg, que terán que entregar o día do evento (domingo 7 de setembro), entre as 11:00 e ás 11:30 horas, na carpa denominada “En lembranza a Albarón”. Non poderán levar ningún elemento identificativo que a relacione coa persoa participante.
O produto quedará nese punto a exposición ata que teña lugar a cata do xurado, integrado por representantes das panaderías participantes ou colaboradoras da Festa do Pan. Cada membro puntuará por separado as empanadas presentadas, valorando o sabor (ata tres puntos), textura (ata 3 puntos) e a presentación (ata dous). O veredicto darase a coñecer tras o pregón.
Haberá tres premios, vales de 200, 150 e 100 euros respectivamente para mercar, nun prazo máximo de dous meses, produtos nas panaderías que participan ou colaboran na presente edición da Festa do Pan. Así pois, a medida busca agradecer a implicación na celebración de fornos como La Nueva, Panificadora Germán, Santa Rita e Paca Castro, ademais de La Gallega, Modesto Hermida e J. Castro Hermanos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.