Friday 22 de August de 2025

O Comité de Irmandamento prepara a participación da Laracha no “Festival des Arts” de Les Sables D´Olonne


Ademais do tecido asociativo municipal, tamén asistirá ao evento a artista XMÑ, residente en Caión, que realizará unha exposición da súa pintura intuitiva.

O Comité de Irmandamento reuniuse na Casa da Cultura -nun encontro presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López- co obxectivo de avanzar nos preparativos da participación do municipio no Festival des Arts de Les Sables d’Olonne, ao que A Laracha foi convidada oficialmente polo municipio da localidade francesa organizador do evento que se vai celebrar entre o 31 de outubro e o 2 de novembro.

Durante a reunión explicáronse os detalles da viaxe e convidouse a tomar parte a todos os membros do Comité, no que están representados o Goberno municipal, os grupos políticos da oposición (BNG e PSOE) e unha ampla e plural representación do tecido cultural, deportivo e educativo da Laracha: o Club de Salvamento Acuático, as asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión, os centros de ensino CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, e IES Agra de Leborís, ademais do Club Amigos del Judo, Club Patín Conxuro, Club Baloncesto Laracha, Unión Deportiva Paiosaco, Club Xuventude Laracha e Club do Mar de Caión.
No encontro tamén se anunciou que a artista larachesa Maribel Castiñeira “XMÑ”, residente en Xermaña (Caión), realizará no festival unha exposición da súa obra de pintura intuitiva.

A presenza da delegación larachesa no festival terá un valor simbólico especial, xa que se cumpren 15 anos do primeiro irmandamento entre o Concello da Laracha e Olonne sur Mer, municipio que desde 2019 forma parte de Les Sables d’Olonne trala unión de tres concellos. Neste período ambas localidades consolidaron unha estreita colaboración en beneficio da cidadanía dos dous territorios a través de intercambios culturais, educativos e sociais que se manteñen vivos na actualidade.
A presenza no Festival des Arts representa unha nova oportunidade para afondar nos lazos de amizade e cooperación internacional, ao tempo que permitirá expandir e proxectar a riqueza cultural e asociativa do municipio.

Deja un comentario