
No concello de Carballo hai 32.000 habitantes e case 30.000 vehículos. Concretamente 29.990, segundo os datos do padrón municipal de vehículos correspondente ao ano 2025. Son 3.041 máis que no 2020. No último ano rexistrouse un incremento especialmente importante, cun 2,81% de suba con respecto ao 2024.
Dos 29.990 vehículos que hai no noso concello, 2.351 están exentos do pago do IVTM. A maioría son tractores agrícolas (2.251), pero tamén figuran na listaxe 747 vehículos adaptados para persoas con diversidade funcional, 61 remolques lixeiros e 39 vehículos municipais. Ademais, teñen unha bonificación do 100% os 37 vehículos que hai en Carballo con matrícula histórica. Por último, están previstas bonificacións do 75% para os vehículos con 25 anos ou máis de antigüidade, que son 2.263, e para os que utilicen carburantes ecolóxicos, dos que hai 19.
En total, en Carballo hai máis de 5.500 vehículos con beneficios fiscais. En todos os casos, para ter as bonificacións é preciso realizar unha solicitude, tal como recolle a ordenanza municipal vixente, que pode descargarse máis abaixo.
Unidades móbiles da ITV
O elevado censo de vehículos tamén se reflicte nas visitas que realizan ao noso concello as unidades móbiles da ITV. Este ano, excepcionalmente, hai un equipo de xeito permanente durante todo o mes de agosto. A estación está situada no polígono de Bértoa, fronte á nave de Talleres Agrícolas Pose, e funciona en horario de mañá. A media de inspeccións supera o medio cento ao día, segundo indicou o persoal que atende o servizo ao alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Daniel Pérez, que se achegaron hoxe ata alí.
As persoas interesadas xa poden pedir cita a través da páxina web da empresa concesionaria do servizo en Galicia, Supervisión y Control, ou do teléfono 981 928 080. Esta campaña extraordinaria da ITV, na que colabora o Concello de Carballo, complementarase coas visitas periódicas que realizan todos os anos as unidades móbiles de turismos, vehículos agrícolas e ciclomotores. Estas son as datas previstas para o segundo semestre do ano:
• Turismos. Polígono industrial de Bértoa, do 9 ao 16 de setembro (agás fin de semana). Horario de 09.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00. O día 16 só pola mañá.
• Vehículos agrícolas. Polígono industrial de Bértoa, do 1 ao 8 de setembro (agás fin de semana). Horario de 9.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00. Os días 5 e 8 só pola mañá.
• Ciclomotores. Praza do Concello, o 15 de outubro en horario de 09.00 a 13.30.
Para solicitar cita previa:
• Por teléfono: 981 92 80 80
• A través da páxina web: www.sycitv.com – Cita previa
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.