Friday 22 de August de 2025

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este venres o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema


Xa faltan poucas horas para que San Sadurniño se converta, outra vez, en punto de referencia para o sector audiovisual galego. E é que este venres 22 de agosto celebrarase na Casa da Cultura o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, organizado por Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. O evento busca ser un espazo de diálogo, aprendizaxe e reflexión arredor do papel dos festivais no rural como motores de transformación cultural, social e económica. A programación de pola mañá está enfocada nas persoas profesionais do sector, mentres que a da tarde vai máis orientada cara ao público en xeral.

Tras unha primeira edición celebrada en Zas, o encontro volve apostar por un enclave rural, consolidando así o compromiso de Proxecta coa descentralización cultural e coa revitalización do territorio a través do cinema. Este ano, a xornada porá o foco nos festivais impulsados por colectivos que entenden a cultura como unha ferramenta de cohesión comunitaria e desenvolvemento sostible.

Así, a sesión matinal estará reservada ao sector audiovisual, cunha mesa de diálogo titulada “Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio”. A partir das 12:30h, cineastas, organizadoras de festivais, programadores e outras profesionais analizarán os retos e oportunidades de levar o cinema a espazos afastados dos grandes núcleos urbanos, como é o caso do Festival de Cans (O Porriño), o Festival Internacional de cine de Rúa FICA (no concello lugués de Pantón), o Festival Internacional de Documentàrio de Melgaço (o MDOC, de Portugal) ou o noso Chanfaina lab.

Todos eles estarán presentes nunha mesa redonda moderada por Ana Estévez Lavandeira, directora da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Máis alá dunha mesa redonda, será unha oportunidade para compartir experiencias, crear redes de colaboración e fortalecer o modelo cultural descentralizado.

Pola tarde, o II Encontro abrirase á veciñanza e ao público en xeral cunha visita turística e cultural guiada polo académico Manolo González (17:00h) que rematará pouco antes das 19:00h, momento no que se proxectará -xa de volta na Casa da Cultura- unha selección de curtas realizadas no pola veciñanza de San Sadurniño no marco do Chanfaina lab, promovido polo propio González en 2014 con apoio do Concello. Varias das autoras e autores estarán presentes para presentar os seus traballos.

Ás 20:30h pasarase, tamén con entrada gratuíta, a longametraxe “Salvaxe, Salvaxe”, coa presenza do seu director Emilio Fonseca e da produtora Xiana do Teixeiro, que conversarán co público trala proxección. O ramo á xornada poráselle pouco despois das 22:00h na Sala DZINE III -a escasos metros do centro cultural- coa actuación da cantautora galega Su Garrido Pombo.

Segundo informa Proxecta, o obxectivo do Encontro, que conta con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, “vai máis alá da xornada en si” e, neste sentido, pretende “crear un espazo de aprendizaxe, inspiración e fortalecemento para as profesionais, e ao mesmo tempo ofrecer á veciñanza unha experiencia cinematográfica viva, conectada coa súa identidade e co seu territorio”. A coordinadora engade que os festivais nacidos no rural, demostran que a cultura de calidade non entende de localizacións, senón de compromiso, comunidade e visión de futuro”.

Programa completo – Casa da Cultura de San Sadurniño

11:30h Benvida e inauguración

12:00h Café compartido

12:30h Mesa redonda “Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio”

17:00h Paseo cultural por San Sadurniño

19:00h Sesión de curtas do Chanfaina lab

“Cabeceira” de César Galdo
“O parto da Parda” Abel Vega
“Boniatos no país do sol poniente” de Teño unha horta
“Pedro Chosco” de NaraíoMedia
“Un ninguén máis” Ángela Arnosa
“Vella e soa” Anxo Pena
“A miña cor preferida é o verde” Pablo Martínez
“O pano de seda” Kevin Lorenzo
“O caldo de marina” Bieito Beceiro
“Trae” de Fran da Lobeira
“Solposto” de Iago Lourido
“Non teño dono” de The Sungirls
20:30h Proxección de “Salvaxe, Salvaxe”, coa presenza do director Emilio Fonseca e da produtora Xiana do Teixeiro

22:00h Concerto de Su Garrido Pombo na Sala DZine.

Deja un comentario