
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou esta mañá do plan de continuidade que está a seguir o Concello para habilitar máis estacións en todos os barrios
BiciCoruña bateu un novo récord en xullo, con máis de 172.000 usos ao longo do mes, o máximo histórico do servizo
Este xoves, o Concello puxo en funcionamento tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña, que suma estacións en Lonzas, o parque de Vioño e a rolda de Monte Alto, coa novidade de que estas dúas últimas son as primeiras en funcionar con subministración de enerxía solar.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, visitou pola mañá a estación de Vioño, situada á altura do número 33 da avenida José María Rivera Corral, moi preto dos bloques residenciais de vivendas que lindan coa área verde do barrio, “o que engade un valor especial ao servizo que se lle dá aos veciños do lugar, un dos desenvolvementos urbanos máis recentes da cidade”.
Díaz tamén incidiu en que a ubicación da base facilita o acceso ao polígono de Agrela. “As medidas para promover a mobilidade sostible teñen que ser visibles e efectivas no conxunto da cidade. Iso inclúe os parques industriais e a súa contorna, especialmente polos desprazamentos laborais. En Agrela hai un tránsito de case 20.000 persoas traballadoras no día a día”, razoou.
A base do parque de Vioño, ao igual que a que xa está operativa na rolda de Monte Alto, non funciona con subministración de enerxía eléctrica, senón solar. En termos prácticos, isto supón que a enerxía permite manter o sistema operativo e facilita a ancoraxe das bicicletas, tanto as eléctricas como as mecánicas. A diferenza está en que non permite a carga das eléctricas en si mesma.
“As bases solares concibíronse como estacións de apoio. É dicir, como bases de asistencia en zonas moi densificadas ou en distritos onde xa hai máis estacións, polo que en xeral búscase que queden e esta queda a medio camiño entre as estacións eléctricas ou preto delas”, explicou Díaz, que lembrou que a base de Vioño está a medio camiño entre a xa existente na rúa Gutemberg (Agrela) e a carón da praza de San Rosendo, no barrio da Sagrada Familia.
Outra das vantaxes das bases solares é que non esixen a execución de traballos de acometida eléctrica, o que simplifica e axiliza a súa instalación. Tamén son máis sinxelas de desmontar que as estacións con subministro eléctrico. “E, ademais, se chegado o momento se detecta moita demanda nunha base solar en concreto, poden reconvertirse a bases eléctricas. É dicir, non son irreversibles, senón todo o contrario”, agregou Noemí Díaz, acompañada esta mañá por persoal técnico da concellaría e por Inmaculada Arena, delegada en Galicia da empresa Serveo, que dá apoio ao Concello na xestión do sistema e a prestación do servizo de BiciCoruña.
Novas bases en Monte Alto e Lonzas
A expansión de BiciCoruña avanza tamén desde hoxe a Monte Alto e Lonzas, onde o Concello acaba de poñer en funcionamento dúas estacións á altura do número 48 da rolda de Monte Alto e tamén a avenida do Ferrocarril.
A primeira delas, tamén solar, ao igual que a nova base de Vioño. No caso da estación de Lonzas, contará con subministración eléctrica.
Desta forma, sumando as estacións de Vioño, rolda de Monte Alto e Lonzas, xa son 52 as bases de BiciCoruña que están activas na cidade, reforzando así un servizo municipal que segue batindo récords. O último, este verán, cando se bateu o máximo de usos nun mesmo mes, con máis de 172.000 só en xullo.
“O incremento de usos na tempada estival xa é unha tendencia habitual desde que se renovou o servizo, e este ano refréndase”, dixo Díaz, que cifrou en 248.000 os usos contabilizados entre xuño e xullo de 2024, sendo máis de 336.000 os rexistrados no mesmo período deste ano. É dicir, houbo 88.331 usos máis.
A expansión do servizo continuará nas vindeiras semanas
A previsión do Concello é que BiciCoruña vaia sumando máis bases noutros puntos da cidade nas vindeiras semanas. Por exemplo, en barrios como Novo Mesoiro ou O Birloque, entre outros.
Como xa é habitual nestes casos, estanse a ultimar tarefas necesarias para a posta en servizo das estacións, como as probas técnicas e a comprobación do correcto funcionamento do software, cuestións fundamentais para que as bases estean operativas e dispoñibles para o seu uso.
“Todas as novas implantacións teñen tras de si un traballo técnico de meses nos que cómpre valorar dende aspectos relacionados coa infraestrutura existente ata cuestións de visibilidade ou tráfico, pasando das condicións técnicas das mesmas estacións, polo que todos os lugares están estudados ao maior detalle posible coa intención sempre de mellorar a cidade e a súa mobilidade”, recalcou a concelleira.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.