
Esta colaboración entre Viñetas desde o Atlántico e Amigos da Ópera afondará na faceta melómana do autor arxentino
Este venres 22 de agosto, ás 20.00 horas, celebrarase na exposición ‘Quino na Música’ un recital operístico no que participará o reparto da obra ‘Carmen’, que abrirá a LXXIII Tempada Lírica da Coruña no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro. Trátase dunha colaboración entre o festival Viñetas desde o Atlántico e Amigos da Ópera, que contan co apoio do Concello. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos crear sinerxías entre os grandes eventos culturais da cidade e nesta ocasión ofrecemos á cidadanía unha experiencia única que nunca antes se fixo”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A intervención, que se celebrará na sala de exposicións municipal de Palexco, materializarase en forma de pequeno recital operístico protagonizado polas mezzosopranos Sofija Petrovic e Irene Zas, os tenores Oreste Corismo e Eduardo Pomares e a soprano Susana García. O pianista será Damiano Cerutti mestre repetidor en Carmen (levará un clavinova porque o traslado dun piano supón un custo importante)
Ditos cantantes participan na ópera ‘Carmen’ interpretando os roles de Carmen e Mercedes, don José e Le Remendado e Frasquita . Este é, á súa vez, o título con que se abrirá a LXXIII Tempada Lírica da Coruña e da que na actualidade están a realizarse os ensaios.
Trátase dunha oportunidade única de pór voz á imaxe gráfica dunha exhibición que, por primeira vez, se pode ver na península, na que se lembra, ademais, a faceta máis melómana de Quino. Búscase unir a música e a banda deseñada aproveitando, precisamente, o amor que Quino tiña pola música. A duración aproximada será de 15-20 minutos. Sofija e Oreste farán un aria de Carmen e o resto de artistas interpretará cada un deles un tema que non se corresponde con Carmen.
A chegada de ‘Quino na música’ a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo. O evento de referencia da banda deseñada en Galicia bateu este ano o seu récord de asistencia con máis de 120.000 persoas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.