
O servizo municipal e a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Carballo colaboran na campaña de recollida de material para as zonas afectadas polos incendios forestais organizada por Emerxencias Galicia.
O material que se precisa son batelumes, máscaras e lentes e luvas de protección. Dito material poderase entregar na base de Protección Civil (Praza Médico Eduardo Mariño) en horario de mañá. Para que a axuda sexa efectiva é necesario facela chegar polas canles axeitadas. Por iso, a recollida de material está a canalizarse a través das agrupacións de Protección Civil.
Desde o 112 Galicia recoméndase non acudir de xeito individual ás zonas afectadas polos incendios forestais. Neste sentido, ademais, recoméndase que as persoas que queiran axudar non se acheguen ás zonas afectadas porque poden dificultar o traballo dos equipos de emerxencia, poñer en risco a súa propia seguridade e colapsar as vías de acceso.
O servizo municipal de Protección Civil está a colaborar na loita contra o lume cos medios ao noso alcance. Tanto o persoal de Protección Civil como a brigada de incendios realizaron labores de apoio nos lumes do veciño concello de Ponteceso coma nos focos detectados no noso concello. Así mesmo, desde o xoves da semana pasada todo o persoal permanece en situación de prealerta, a disposición da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, por se fose precisa a súa presenza na provincia de Ourense. “Estamos preparados para ser mobilizados en canto sexa necesaria a nosa axuda”, explica o coordinador do servizo, Javier Souto.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.