
Interpretarase no propio xacemento o martes a partir das 12:00 h.
O Concello propón para o próximo martes 26 de agosto, a partir das 12:00 horas, unha novidosa iniciativa para animar á cidadanía a desfrutar dun espectáculo infantil e familiar e, ao mesmo tempo, descubrir o patrimonio arqueolóxico municipal nun dos seus elementos máis importantes como é o Castro de Montes Claros. Será coa representación da obra de teatro Latexos no propio xacemento a cargo do grupo K’Paparota Teatro.
Latexos é unha peza de monicreques e obxectos dirixida a todo tipo de público, especialmente ao infantil e familiar. A través do humor, a emoción e a maxia da escena, a obra dá vida ás lendas que rodean o castro, recollidas grazas ás conversas cos veciños e ao labor de investigación da arqueóloga Puri Soto -directora do proxecto de posta en valor do xacemento-, do escritor e divulgador Xabier Maceiras e da creadora da proposta, Patricia Cameán.
A función pretende achegar as historias e tradicións ás novas xeracións, evitando que se perdan no esquecemento, ao tempo que convida a coñecer o patrimonio arqueolóxico municipal e a tomar conciencia da importancia da súa conservación e difusión. Polo escenario desfilarán mouras, xigantes e xentís, ademais de actividades interactivas para permitir a participación directa do público.
Con esta iniciativa, o Concello reforza a súa aposta por unir cultura, lecer e patrimonio, ofrecendo unha oportunidade única para gozar dunha mañá diferente no Castro de Montes Claros.
A asistencia é gratuíta e non require inscrición previa, polo que todas as persoas interesadas poden achegarse e vivir esta experiencia teatral nun marco incomparable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.