A implantación da recollida do lixo porta por porta nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío permitiralle ao Concello reorganizar as rutas que fai actualmente o camión compactador e incluso rebaixar nun día o seu traballo semanal. Desde esta mesma semana, vehículo e operarios percorrerán o territorio os luns e mércores, mentres que o porta por porta queda fixado os martes. Segundo o departamento de Servizos, a medida suporá un importante aforro que non lle afectará á calidade do servizo.
Así, a recollida que ata agora se levaba a cabo os luns, mércores e venres, farase en tan só dous días. Os luns o camión percorrerá o centro urbano, Silvalonga, Santa Mariña do Monte, Badaos e o Camiño Arriba mentres que os mércores pasará por Lamas, o resto de lugares de San Sadurniño e aquelas zonas de Ferreira, Igrexafeita e Naraío onde aínda non se implantou o porta por porta.
O percorrido dos venres quedará limitado unicamente á zona urbana pola necesidade de darlle servizo, principalmente, ao colexio e os locais hostaleiros. Os martes o persoal municipal deixará aparcado o camión para botar man do pequeno furgón co que se atenden as áreas participantes no proxecto porta por porta, é dicir, parte de Ferreira e os lugares máis afastados de Naraío e Igrexafeita nos que se inclúe o cordal do Forgoselo.
Desde o departamento de Servizos infórmase que a redistribución dos días e dos percorridos está motivada pola redución de quilometraxe e de tempo de uso do camión compactador trala ampliación do porta por porta. A titular da área, Amparo Calvo, sinala que o novo sistema reduciu en 92 quilómetros semanais o uso do vehículo “o que permite optimizar a recollida ganando tempo e aforrando en consumos e mantemento”. A este respecto a concelleira apunta que a calidade do servizo se mantén como ata agora posto que os medios humanos seguen sendo os mesmos.