Thursday 21 de August de 2025

O Festival Lanzadeira adiántase a agosto para mostrar o talento das bandas do Centro Xove da Almáciga


O Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga volverá exhibir o talento que sae dos seus locais de ensaio na cuarta edición do festival Lanzadeira. Este ano, a cita adiántase ao mes de agosto. Será o venres 22, na Praza 8 de marzo e coa participación de Zeltia Irevire, Ginko Biloba, Chiskeiro e Patrik.

O Festival Lanzadeira é unha oportunidade para que o público de Santiago coñeza o potencial e o talento dos e das artistas novas de Compostela, que teñen como espazo de referencia o Centro Xove da Almáciga. Ademais, forma parte do proceso formativo que procura a profesionalización dos grupos e artistas que utilizan os locais municipais de ensaio, xa que lles permite afondar na preparación das actuacións en directo, cun equipo técnico especializado. Ademais, nos últimos anos o departamento de Mocidade reforzou a aposta polo festival, cunha proposta de montaxe, son e iluminación máis avanzada.

Nesta cuarta edición, do cartel do Lanzadeira fan parte catro nomes que permitirán escoitar diferentes estilos musicais. Así, o festival comezará co country de Patrik, continuará co punk de Chiskeiro, e despois desta banda será o turno do rock alternativo de Ginko Biloba. O peche correrá a cargo de Zeltia Irevire e o seu folk trival. Algunhas das bandas que participarán no Lanzadeira veñen gañando presenza nos últimos meses, e xa participaron en eventos relevantes en Santiago como a festa do Banquete de Conxo, as festas do barrio de San Pedro, ou nos concertos de Galeras das festas do Apóstolo

O festival Lanzadeira celebrarase a partir das 19.30 horas do próximo venres 22, con entrada libre e de balde.

Deja un comentario