
· A alcaldesa, Sandra Insua, levará o asunto á próxima reunión da CMAT xa que “non podemos ter cada concello unhas normas distintas neste ámbito, temos que unificalas”.
· O Concello habilitou a zona de Area da Vila de xeito provisional á espera das iniciativas privadas que se van a tramitar.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, anunciou que levará á próxima reunión da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) unha proposta para a elaboración dunha ordenanza común para regular o estacionamento de caravanas e autocaravanas.
A rexedora explica que “non podemos ter cada concello unhas normas distintas neste ámbito, temos que unificalas” e salienta que “se atendemos á mobilidade que ten este tipo de turismo non ten sentido que un día, nun destino, teñan unhas normas e ao seguinte, cando se despracen a outro dentro da mesma comarca, estas varíen”. “Ademais de regular temos que facilitar as cousas”, afirma.
No Concello de Camariñas son conscientes do auxe que está a ter este modelo turístico no municipio en particular e na comarca en xeral polo que é necesario, por seguridade para todas as partes, regulalo pero sempre “con sentido e entre todos, para cousas como esta se creou a CMAT no seu momento e temos que aproveitar esta ferramenta”.
Paralelamente á tramitación desta ordenanza, e para dar resposta á chegada de caravanas e autocaravanas, o Concello habilitou a zona de Area da Vila de xeito provisional á espera das iniciativas privadas que se van a tramitar.
Ademais, Sandra Insua indicou que “ademais de regular as zonas de estacionamento municipais tamén lle vamos a solicitar a Portos de Galicia que ordene as que son da súa propiedade no noso territorio, xa que agora non o están a facer e, en cambio, si que cobra outras taxas pola ocupación do seu terreo, por exemplo para a instalación de terrazas ou dos postos das festas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.