Thursday 21 de August de 2025

Os carteis históricos das Festas de María Pita estarán ata o 31 de agosto en Marineda City


A mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’ poderá visitarse na praza exterior do centro comercial no seu horario habitual

A mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’ estará a partir desta semana e ata o 31 de agosto na praza exterior de Marineda City tras o seu paso durante a primeira metade do mes de agosto polo Obelisco. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, visitou a instalación e destacou “o forte compromiso de Marineda City coas celebracións da cidade”, das que é colaborador por primeira vez. O edil estivo acompañado pola xerente de Marineda City, Purificación Berdejo.
“Desde o Goberno de Inés Rey quixemos conmemorar o 175 aniversario das nosas festas facendo balance e amosando a evolución destas celebracións a través desta importante exposición que tivo moi boa aceptación no Obelisco”, indicou Gonzalo Castro. Pola súa banda, Purificación Berdejo indicou: “Este ano quixemos sumarnos de forma activa á celebración das Festas de María Pita, non só como colaboradores, senón tamén como parte da cidade. Cremos firmemente que un centro comercial non é só un espazo para as compras, senón tamén un punto de encontro e convivencia comprometido coa vida cultural e social da nosa contorna”.

A exposición recolle corenta carteis emblemáticos que percorren a historia das festas do verán coruñés durante os tres séculos nos que se viñeron celebrando. O público poderá gozar desta mostra ata o 31 de agosto na praza exterior no horario habitual do centro.

Esta iniciativa enmárcase nos eventos organizados polo Concello da Coruña para conmemorar o 175 aniversario das Festas de María Pita, das que Marineda City é colaborador.

Deja un comentario