Thursday 21 de August de 2025

O Concello inicia o procedemento para non pagar á empresa da recollida de lixo polo incumprimento do contrato


O punto limpo de Iñás, xestionado polo Consorcio das Mariñas, continúa sen prestar os servizos que lle corresponden por contrato á cidadanía. Trala denuncia do Concello do pasado xoves si foron retirados os grandes electrodomésticos amoreados, pero se lles sigue impedindo aos veciños depositar podas, escombros,… tal e como están a denunciar ante o Concello.

Ante estas graves deficiencias no funcionamento do punto limpo de Iñás e o incumprimento das frecuencias de recollida, a non limpeza dos contornos de contedores, o uso de camións avariados que van perdendo lixo polas rúas e a non reposición de contedores rotos; o Concello vai proceder a iniciar os trámites administrativos necesarios para que o Consorcio das Mariñas non pague a parte correspondente aos servizos non prestados en Oleiros. Así mesmo, se esixirá a maior sanción económica posible para a empresa concesionaria por incumprimento de contrato.

O presidente do Consorcio das Mariñas, máximo responsable deste contrato, continúa a tolerar todos estes incumprimentos. Por que non actúa? Por que se está a beneficiar a unha empresa privada desde o Consorcio das Mariñas?

Deja un comentario