Tuesday 19 de August de 2025

Mercedes Rosón cualifica de “inxustificable” a demora na nova licitación do servizo de centros socioculturais e pide explicacións ao goberno local


§ As persoas traballadoras levan desde novembro do 2024 sufrindo atrasos no pago das súas nóminas e, asegura, “estase producindo un detrimento na calidade da prestación do servizo”

§ A concelleira non adscrita advirte que “xa se lle están acumulando varias frontes” á Alcaldesa que “denotan unha falta de planificación que non creo que poidamos seguir permitindo”

Desde o mes de novembro do 2024, no que tivo lugar un primeiro atraso no pagamento das nóminas do persoal dependente da empresa Servisar, relativo ao servizo de centros socioculturais, xa pasaron case oito meses nos que rematou a prórroga do contrato concedida polo goberno local á actual concesionaria -ata xuño do 2025- e nos que se reiteraron as protestas das persoas traballadoras por novos retrasos e descontrol na xestión dos recursos humanos. O que aínda non houbo foi avance coñecido na tramitación do novo prego do servizo destinado a renovar o servizo e poñer fin á relación contractual coa actual empresa responsable que xa tentara abandonar o servizo en xaneiro alegando problemas económicos.

Logo dunha nova protesta realizada polo Comité de Empresa, despois de que se acumulen novos impagos por parte da empresa concesionaria, Mercedes Rosón cualificou este martes de “inxustificable” os retrasos na nova licitación por parte do goberno local: “desde novembro do ano pasado vemos que as persoas traballadoras sofren atrasos reiterados no pagamento das súas nóminas, un descontrol na xestión por parte da empresa e un detrimento xeral na calidade da prestación do servizo” critica.

Engade Rosón que estes problemas, ademais de incrementar a incerteza das persoas traballadoras, está a afectar xa aos usuarios e usuarias dos centros e “ás familias que dependen dalgúns servizos en materia de conciliación”. Por exemplo, “xa se teñen detectado problemas á hora de cubrir as baixas ou falta de materiais” asegura Rosón que se reuniu varias veces co comité de empresa nos últimos meses.

Lembra, a edil non adscrita, que no mes de decembro, impulsara unha moción pola que se reclamaba ao executivo de Sanmartín axilidade neste proceso, así como a manter “absoluta transparencia” durante o mesmo, realizando un “informe periódico sobre os avances na redacción e licitación dos novos pregos” que se lle tería que dar traslado á Corporación Municipal e á representación das persoas traballadoras: “aprobámolo no pleno, e aínda non houbo nin o primeiro informe de avances” critica. Rosón que sempre abogou por adoptar unha “posición de cidade, de lealdade institucional e cooperación” neste tema, critica a “falta de vontade do goberno local á hora de practicar a transparencia”. Recalca que a información “nunca sobra, senón que sempre é necesaria” e insiste en que procesos “tan delicados” como este, do que dependen 60 traballadores vinculados á empresa que xa ameazara con abandonar o servizo “esixen información para reducir a incerteza”.

Finalizada a prórroga dun ano

A concelleira non adscrita amosouse especialmente crítica con que o goberno local non fora quen de sacar adiante a nova licitación antes do remate da prórroga dun ano que acordaran para o contrato de centros socioculturais. Concretamente, a prórroga fora aprobada no verán do 2024 ata o 30 de xuño de 2025. Agora, o servizo segue en precario cunha nova orde de continuidade ata outubro: “foron incapaces de sacar un novo prego nun ano, así que sería bastante realista admitir que tampouco vai haber novo contrato antes de outubro” lamenta.

Para Rosón é “absolutamente inxustificable” esta demora nos prazos ante unha situación “tan delicada” como a que atravesan os centros culturais, tanto desde a perspectiva da cidadanía usuaria do servizo como do propio persoal que, engade, “segue sen recibir o seu salario en tempo e forma”.

Advertencia das non adscritas

Mercedes Rosón anunciou este martes que esixirá explicacións no pleno do vindeiro mes de setembro ao executivo local polos atrasos na nova licitación. Unha situación que, lembran as concelleiras non adscritas, vén a engadirse a unha lista de cuestións pendentes que poñen en dúbida a xestión do executivo local.
“Xa se lle están acumulando á señora Sanmartín varias frontes” critica Rosón que pon como exemplos a frustrada declaración de zona residencial tensionada para topar o prezo dos alugueiros, o contrato do transporte urbano ou a municipalización dos aparcadoiros da Praza de Galicia e Praza de Vigo -que remataron a súa concesión en xullo deste ano-: “son moitas cousas que denotan unha falta de planificación que non creo que poidamos seguir permitindo”.

Deja un comentario